Cervo, 5 de xaneiro de 2016. A piscina olímpica de San Ciprián acollerá a partir do vindeiro luns, día 11, cursos para embarazadas e amplíanse algunhas sesións específicas de natación para niveis medio e avanzado.
O concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, anunciou que “na piscina olímpica ofertaremos desde o vindeiro luns, día 11, cursos de natación para embarazadas e sesións específicas para niveis medio e avanzado, para socios e abonados da piscina municipal. No caso dos cursos para embarazadas poderán participar tanto as mulleres que son socias da piscina municipal como as non asociadas. No tocante aos obradoiros de natación, que serán completamente gratuítos, están destinados aos usuarios das instalacións, que inclúen tamén un ximnasio”.
José Ramón Soto destacou que “o obxectivo do goberno local e do persoal da piscina é fomentar a natación, un deporte especialmente indicado para as mulleres durante o embarazo porque axuda a eliminar os excesos de auga, fortalece os músculos que máis sofren antes e durante o parto, favorece a mobilidade e facilita a relaxación”.
Soto tamén lembrou aos usuarios habituais do ximnasio que está dispoñible o servizo de orientación dos monitores nunha piscina climatizada que “é a única olímpica, con 50 metros de lonxitude, da provincia de Lugo. Os usuarios poden obter importantes beneficios da súa participación nestes obradoiros, pois mellorarán as súas habilidades motrices, aprenderán a controlar a súa respiración e desenvolverán tanto a súa independencia como a súa capacidade para establecer lazos sociais”.
As sesións específicas de natación serán planificadas polo monitor Ramiro Chaves, mentres que as monitoras Lorena da Silva e Rocío Cabaleiro ocuparanse dos cursos de natación para as embarazadas. Calquera persoa interesada en anotarse nas actividades pode achegarse á piscina municipal para obter máis información ou chamar ao número de teléfono 982 59 45 12.
O ano 2016 trae outras novidades á piscina olímpica de San Cibrao, xa que ademais dos cursos para todos os niveis, dende Adaptación a Iniciación e Perfeccionamento, o Concello de Cervo ten previsto incrementar estas actividades, pasando na etapa de Aprendizaxe de un a catro niveis, e na de Perfeccionamento, de dous niveis a tres. A de Iniciación continuará cos tres niveis existentes. “O obxectivo destes cambios é que os usuarios da piscina poidan rendibilizar máis as súas actividades acuáticas”, comentou José Ramón Soto.
Na piscina de San Ciprián xa se están a impartir, para 200 asistentes, cursos de iniciación para bebés (a partir de 0 anos), iniciación e perfeccionamento para nenos e adultos, aquagim (ximnasia na auga), natación específica para recuperación de lesións, preparación para probas e salvamento, natación para embarazadas e actividades lúdicas e saudables para nenos e nenas.
O concelleiro de Deportes cervense rematou explicando que “todas aquelas asociacións deportivas ou de outra índole da Mariña que o desexen poden acudir ás instalacións da piscina de San Cibrao, contactando previamente por teléfono”.