Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofrece ao Concello de Cervo e á Xunta traballar conxuntamente para ampliar o Museo do Mar

Lugo, 20 de xaneiro de 2015.- Antonio Veiga Outeiro, Vicepresidente da Deputación de Lugo, convidou ao concello de Cervo e ao goberno galego a abrir vías de diálogo e traballo conxunto de cara a lograr o fin desexado de ampliar espazos expositivos no Museo do Mar e evitar na medida do posíbel problemas non desexados. O nacionalista ofertou “man tendida ao diálogo e á colaboración leal entre institucións co fin de resolver problemas e ofertar solucións ás demandas da poboación”, dixo. Para Veiga, independentemente de que a Deputación sexa na actualidade responsábel da xestión, conservación e mantemento por cesión administrativa temporal do Museo, a titularidade do edificio e o seu contido sigue e seguirá sendo municipal polo que, sinalou Veiga, “ todas as administracións deberíamos colaborar para garantir o seu futuro”.

O Vicepresidente da Deputación fixo esta oferta despois de analizar o escenario derivado da sentenza do TSXG resultado do recurso Contencioso – Administrativo presentado polo ente provincial, que deixa sen efecto o acordo plenario do concello Cervo de 5 de decembro de 2012 polo que se aprobara un estudo de detalle presentado por unha particular que permitía a construción dun edificio de cinco andares(baixo, tres andares e baixo cuberta) nun solar anexo ao Museo do Mar de San Cibrao, de titularidade municipal e xestionado pola entidade provincial.

A sentenza recorríbel en casación diante do Tribunal Supremo, “tomouse en consideración polo TSXG ao admitir o argumento esgrimido pola asesoría xurídica da Deputación de incumprir a normativa urbanística municipal, evita efectos negativos sobre a parcela ocupada polo museo e sobre a armonía urbanística na vila de San Cibrao”. Antonio Veiga aclarou que “a iniciativa da entidade que representa de recorrer o acordo plenario do concello de Cervo foi unha decisión política sustentada en argumentos técnicos e xurídicos válidos, tal como demostra a propia sentenza, e tiña como finalidade a protección dun edificio senlleiro como este”.

O nacionalista sinalou como positivo o anuncio do alcalde de Cervo de non recorrer o fallo xudicial e ofreceulle “traballar conxuntamente independentemente das cores políticas de cada quen, coa vista posta en ampliar e mellorar as instalacións do Museo; ese é o noso compromiso aínda sen ter a titularidade do edificio e o seu contido que segue sendo municipal, polo que compre a colaboración e implicación do propio concello e da Xunta de Galiza”, dixo Veiga.

O Vicepresidente da Deputación de Lugo concluíu que “a veciñanza de Cervo, así como a doutros concellos da provincia e visitantes, reclaman solucións e traballo conxunto para lograr obxectivos que redunden no benestar social e neste sentido é no que traballaremos desde a Vicepresidecia da Deputación”, concluíu Antonio Veiga.

Exit mobile version