O rexedor municipal manifestou que este venres “despois dunha campaña intensa de Nadal, presentamos a XIII Festa do Chícaro de Foz, a festa do berberecho. Son xa 13 anos e a verdade é que estamos moi contentos de continuar con esta tradición en xaneiro. Estamos en época de chícaros e este bivalvo volve ter un protagonismo especial neste mes”.
Ademais Javier Castiñeira explicou que “a festa empezará o día 13 porque como en anos anteriores temos unhas xornadas divulgativas nos centros de ensino de Foz con técnicos da Xunta, concretamente Natalia Rodríguez Palmeiro, para explicarlle aos nosos rapaces o que é o cultivo deste bivalvo; e logo xa comezaríamos o forte o venres 15 ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura coa proxección dunha película, O mar de Foz, sobre a historia marítima da nosa vila, feita por Xesús do Breogán”.
O alcalde engadiu que nesta edición hai algunha novidade na organización da festa, moi vinculada á hostalaría local e a tradición mariñeira de Foz: “hai un cambio con respecto a outros anos porque o pregón realizarase o sábado 16, coa apertura da propia festa na carpa, e farao Ramón Fernández Fernández, Moncho de Chila, unha persoa moi querida en Foz, con longuísima tradición mariñeira e que leva participando moitos anos en toda a actividade local e en actos vinculados á propia festa do berberecho, como son os Cantos de Taberna. Moncho de Chila pertence á peña Os Lapeiros, ben coñecidos e relacionados con estes cantos de taberna, todo vinculado propiamente á hostalaría. Moncho, coa súa marabillosa voz, é ben coñecido tamén por isto, así que estamos encantados de que sexa o pregoeiro pola súa grande relación co berberecho. A partir do pregón xa se abre a festa o sábado 16 e tamén o domingo. O menú serán chícaros en empanada, á provenzal, ao vapor e con fabas de Lourenzá. Os pratos cociñaraos o departamento de hostalaría do IES de Foz, volvendo un pouco á tradición orixinal desta festa, e os prezos non varían con respecto ao ano pasado, seguen sendo 4 euros cada ración, incluído o pan. Unicamente queda invitar a todos a que a fin de semana do 16 e 17 de xaneiro visiten Foz e veñan comer e probar o chícaro, gózalo e pasar unha boa xornada”, rematou Castiñeira.