As actuacións previstas terán un prazo de execución de seis meses e suporán mellorar a seguridade vial e as condicións de circulación do tráfico rodado nestas estradas que vertebran os concellos de Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Viveiro, Ourol, Muras e Xermade.
A delegada territorial, Raquel Arias, confirmaba este martes que o maior investimento -o 43% do total- realizarase na LU-160, onde se contempla a reforma das travesías de Mondoñedo e O Valadouro, entre outros treitos.
Nunha visita a Mondoñedo, Arias, que estivo acompañada polo tenente de alcalde do concello, Manuel Otero, entre outros membros do equipo de goberno local, explicou que se substituirán o firme e a sinalización dos 600 metros de travesía, “o que redundará en beneficio directo dos veciños e tamén dos usuarios da vía”, que atravesa os concellos de Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro.
“A Xunta é consciente da necesidade de acometer estas obras de mantemento e mellora na rede de estradas da súa competencia, que contribúen á vertebración da nosa provincia, e neste contexto se enmarcan as licitacións que está a realizar a Consellería de Infraestrutura”, dixo a delegada, quen salientou que no caso concreto de hoxe a poboación beneficiada por estas actuacións ascende a 27.717 persoas.
Na LU-161, que comunica Landrove con Ferreira do Valadouro, realizaranse obras de reposición do firme en diversos treitos do concello de Viveiro, mentres que na LU-540 (que une Viveiro e Cabreiros) actuarase en varios puntos entre os quilómetros 8 e 33,160.
En xeral, as obras consistirán no fresado do firme existente e a posterior reposición con pavimento bituminoso, mediante a extensión dunha capa de rodadura de formigón asfáltico en todo o ancho dos carrís así.
Así mesmo, disporase unha nova sinalización horizontal e incluso, nalgúns tramos, construiranse cunetas formigonadas de seguridade.