Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA organiza un roteiro polo Castro de Remonde e as Torrentes de Mácara

Lugo, a 20 de xaneiro de 2016.- O vindeiro domingo, 24 de xaneiro, ADEGA-Lugo dá continuidade ao seu ciclo de roteiros “Memoria Pétrea” cunha visita ao Castro de Remonde, en Palas de Rei. Este programa de roteiros pretende dar a coñecer os elementos máis antigos da nosa cultura, como é o caso dos castros.

O Castro de Remonde é da idade de ferro e está localizado nun outeiro a 460 metros de altitude preto do Castelo de Pambre. Os terreos nos que se radica foron mercados recentemente pola Fundación EIRA coa finalidade de promover a conservación e posta en valor deste ben patrimonial. Para afondar nas características arqueolóxicas e históricas do Castro acompañaranos o arqueólogo Antón Malde, colaborador nos traballos de recuperación do Castro de Remonde.

O roteiro partirá ás 10 h. do pé do Castelo de Pambre e atravesará o camiño real, a ponte medieval sobre o río Pambre e os pasos sobreo o rego do Vilar. Achegándonos á contorna do Castro observaremos as areeiras, “buratos” no comarón á beira do camiño. Logo de deternos na visita ao Castro, antecastro e parapetos, continuaremos a ruta polo camiño da Toca e chegaremos ao Castelo altomedieval do Remesedo dende onde teremos unha impresionante panorámica do Castelo de Pambre e do Castro de Remonde.

Posteriormente, percorreremos un tramo das Torrentes de Mácara. O bus lavaranos ás inmediacións da Eira da Xoana (“casiña” de ADEGA radicada no Concello de Agolada), onde xantaremos. Pola tarde está previsto visitar as Brañas do Biduedo (zona protexida á proposta de ADEGA baixo a figura de “custodia do territorio”) e a Canle de Ramil, antiga obra que se pode catalogar de “arqueoloxía industrial”. O roterio rematará en Ramil.
A lonxitude do percorrido será de 12 quilómetros e de dificultade baixa en xeral, e media, na parte da ruta que atravesa as Torrentes de Mácara.

O autobús sairá este domingo de diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 h. , e para as persoas que veñan da Coruña, o punto de encontro será ás 10 h. no Castelo de Pambre.Será indispensable a reserva de praza que debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) antes do venres 22 de xaneiro.

Exit mobile version