Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG – Asembleas Abertas convida ao alcalde de Cervo a sumarse ao diálogo ofrecido pola Vicepresidencia da Deputación ao Concello e á Xunta para ampliar o Museo do Mar

Cervo, 21 de xaneiro de 2015. BNG – AA pediu ao alcalde de Cervo e ao conxunto do goberno municipal que deixen de usar o Museo do Mar como ferramenta de confrontación política e se sumen á oferta de diálogo aberta pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para traballar conxuntamente no proceso de ampliación do museo xa que ese debería ser o obxectivo e non outro. Para a formación nacionalista o goberno municipal debe mudar a súa actitude e ser coherente entre a prédica e a praxe, é contraditorio que o alcalde primeiro aprobe e despois dea os parabéns pola anulación xudicial dun instrumento urbanístico lesivo para o concello, é contraditorio que o alcalde manteña paralizada desde fai 12 anos a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal que resolvería moitos dos problemas causados pola actual normativa de 1978.

Ao PP de Cervo tócalle facer os deberes atrasados 12 anos cun Plan Xeral que resolvería moitos problemas
Ramón Luís Bernardo Insua, portavoz municipal nacionalista, “pediulle ao alcalde cervense que deixe de buscar escusas para eludir as súas propias responsabilidades tanto na parálise de 12 anos na tramitación do PXOM como na aprobación dun estudo de detalle lesivo para o Museo do Mar e a estética urbana en San Cibrao”.

“O grupo de goberno do Partido Popular leva doce anos dando largas á elaboración dun instrumento como é o PXOM, fundamental para definir o futuro do concello e que evitaría en boa medida moitos dos desastres causados tanto en San Cibrao como en Cervo na época do boom urbanístico, entre eles os intentos de construír ese edificio de cinco andares a pé de praia e xunto ao Museo do Mar que agora a xustiza paralizou”, afirmou Bernardo Insua.

Débese aproveitar unha sentenza coa que toda a parte pública está satisfeita
Para Bernardo Insua “é evidente que de non terse presentado por parte da Vicepresidencia Primeira da Deputación o recurso contencioso administrativo contra o acordo plenario de Cervo e telo ganado, as circunstancias serían outras, compre por tanto dar os parabéns a quen o promoveu e aproveitalo en beneficio do interese público xa que ese era o seu fin”.

O goberno municipal ten que aproveitar a man tendida ao diálogo no lugar de enquistarse en posición partidistas sen resultados positivos
Neste sentido o portavoz nacionalista chamou ao alcalde de Cervo a ser práctico e poñerse a defender os intereses do concello no lugar de facelo coas siglas do seu partido que goberna a Xunta. Si hai unha man tendida que chama ao diálogo toca dialogar e buscar acordos xa que este é o fin da política, diálogo e solución aos problemas non criar outros enquistando posicións que non levan a ningures, concluiu Bernardo Insua.

Exit mobile version