Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG: “Villares quere esquecer que os 12 anos perdidos na redacción do PXOM serían moi útis para evitar problemas como a edificación non desexada detrás do Museo do Mar”

Cervo, 19 de xaneiro de 2015.- BNG – ASEMBLEAS ABERTAS en Cervo lembrou ao alcalde de Cervo as súas responsabilidades na paralización na redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal – sen ningún trámite administrativo desde o ano 2004 – e que deixaba o solo anexo ao Museo do Mar como dotacional evitando ameazas de construcións non desexadas.

Matizan as declaracións de Villares en canto ao acordo plenario en Cervo sobre a ampliación do museo, “foi dous anos antes en maio de 2005 cando unha iniciativa nacionalista instaba á deputación a iniciar o proceso de ampliación mercando o solar anexo que o naquel momento goberno provincial en mans do PP negou reclamando que fora o concello quen asumise a compra e non se fixo nada”. Igualmente refréscanlle a memoria ao alcalde cun informe do ano 2008 da Dirección Xeral de Patrimonio, bipartito na Xunta, contrario ao primeiro estudo de detalle presentado que esixía redución de volumes e retranqueo con respecto á finca do Museo, uns criterios protectores do museo que un ano despois o mesmo organismo en mans do PP non mantivo.

O portavoz municipal nacionalista, Ramón Luís Bernardo Insua, pediu ao alcalde seriedade, responsabilidade e lealdade institucional; non se pode estar botando balóns fora como si el non fora responsábel directo na paralización da redacción do PXOM ou na aprobación dun instrumento urbanístico que poñían en perigo non só a estética e futuríbel ampliación deste edificio de titularidade municipal, senón tamén estética do pobo de San Cibrao, para Bernardo Insua, abondo deteriorada xa nos días de viño e rosas co boom urbanístico.

Bernardo Insua afirmou que o alcalde e os seu grupo de goberno teñen moito que explicar: a parálise na redacción do PXOM, o silencio municipal cando o PP no goberno provincial reclamaba ao concello a compra do solar anexo ao museo, o cambio de criterio municipal unha vez que cambia a Deputación de signo político, o informe contraditorio da Dirección Xeral de Patrimonio gobernada polo PP coa gobernada polo BNG dando conformidade ao estudo de detalle agora anulado polo TSXG. O alcalde tamén debera explicar a deslealdade institucional do concello, demostrada con so ir á hemeroteca, mentres a Vicepresidencia Primeira da Deputación intentou buscar un acordo de compra coa propietaria do solar.

Exit mobile version