Os primeiros minutos transcorreron con chegadas por ambas as bandas, aínda que o peso de traballo recaeu máis baixo os paus de Álex. Antes do minuto 3, xa freara a Taffy e Sergio, con serio perigo. Attos inaugurou o electrónico para os visitantes no minuto 8, atopando o esférico nun rexeite que conseguiu rematar de interior ao pau curto. Tras a medianía do primeiro acto, os de Daniel Ibañes afinaron verticalidade con Jorge Bellvert como gran referencia; no minuto 12, o 18 laranxa protagonizou unha contra en combinación con Iago Míguez, que acabou no corpo de Barrón. Poucos segundos despois, Jorge volveu ter o empate nas súas zapatillas cunha vaselina demasiado alta e intentou sorprender de novo ao meta insular cun mísil que desbaratou Barrón, moi correcto, co pé. Na recta final antes do descanso, o Pescados Rubén traballou meticulosamente para perforar a rede do Palma; a falta de 2 minutos, Iago Míguez non puido recoller baixo os paus o pase de Chino; tampouco atopou recompensa a recuperación de Antoñito acto seguido. Sobre a bucina, o 5 mariñán, en contra de Chino, topouse con Barrón, na mellor ocasión dos mariñáns.
Tras o descanso, o Burela FS continuou xerando ocasións e conseguiu mitigar o perigo balear nos primeiros minutos. Álex freou por partida tripla, con axuda dos paus, os rexeites en embestida de Tomaz, pero nada puido facer tan só un minuto despois, no 27, ante Vadillo, no pase cruzado do 14 visitante. A falta de pouco máis de 7 minutos para o final, os burelistas apostaron por xogo de cinco con Iago Rodríguez de azul. Chano, cun gran recorte entre dous defensas, reduciu distancias no minuto 36. Viviu Vista Alegre unha recta final moi intensa con idas e vindas, grandes chegadas dos laranxas e resposta a porta baleira dos visitantes, aínda que sen máis movemento no luminoso.
Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Álex, Iago Míguez, Chano, Jorge, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Chino, Iago Rodríguez, Hélder, Carlitos,
Palma Futsal: Barrón, Vadillo, Joao, Sergio, Taffy, cinco inicial; tamén xogaron Joselito, Attos, Paradynski, Tomaz
Goles: 0-1, minuto 8, Attos; 0-2, minuto 27, Vadillo; 1-2, minuto 36, Chano
Árbitros: Gallo Suárez//Velasco Martínez (Asturias). Por Palma, amarela a Sergio (minuto 19), Attos (minuto 26). Por Burela FS amarela Bellvert (minuto 22)
Incidencias: Partido correspondente á 17ª xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre. Sobre 900 afeccionados. O pavillón municipal estreou 2016 con streaming en directo da LNFS e nova iluminación LED, instalada polo Concello de Burela.