Lugo, 16 de xaneiro de 2016.- O vicevoceiro do Grupo Provincial do PP, Carlos Armesto, considera que “a volta de Luís Ángel Lago Lage á Deputación de Lugo, que veñen de avanzar os medios de comunicación, vai supor que o presidente, o Señor Campos, lle dea continuidade á axencia de colocación de amigos que tiña Besteiro”.
De confirmarse a súa contratación, explica o popular, interesaranos coñecer o traballo que se lle reserva na institución, posto que na súa anterior etapa no organismo, na que percibía máis de 50.000 euros anuais, “a súa folla de servizo quedou en branco”. “O Señor Besteiro financiou a súa carreira política cos cartos de todos os lucenses, polo que censuramos que de novo se manteñan este tipo de prácticas fraudulentas”, engade Armesto.
Os populares lembran que Lago Lage preside a xestora do PSOE lucense e que os socialistas botan sempre man “das vellas glorias para pagar favores e alimentar egos”. “Se teñen un compromiso co señor Lago Lage que lle paguen desde o partido, pero que non destinen os cartos de todos e todas as lucenses a manter as súas estruturas de poder dentro do PSOE”, sinala o vicevoceiro.
O Grupo Provincial do PP lamenta que o señor Campos siga herdando todas as malas prácticas do seu antecesor. “Primeiro decide manter o seu coche de alta gama, incumpre os acordos plenarios, como o da aprobación dos Presupostos, e agora restitúe a súa axencia de colocación de afíns a través da Deputación de Lugo”. “Os socialistas seguen a repartir coches, despachos e cargos, mentres que os lucenses non teñen un só eu porque non son capaces de mover un papel para aprobar os Orzamentos”, critica.
Carlos Armesto rexeita ademais que o bipartito non consiga desenvolver ningún proxecto nin sacar nada adiante e teñan a provincia paralizada, salvo cando se trata de colocar aos amigos, para o que son especialmente áxiles.