Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan os arranxos para a reparación dos danos nas instalacións da piscina municipal de Foz

piscina-fozFoz, 26 de xaneiro de 2016. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou este martes que empezaron os arranxos na piscina municipal para reparar os danos que hai nas instalacións. O rexedor explicou que estas obras son froito das negociacións realizadas pola xunta de portavoces da anterior corporación local focense coa empresa que construíu este centro deportivo.

Javier Castiñeira deu a coñecer “o inicio dos traballos de arranxos na piscina municipal, obras que son resultado das negociacións que levou a cabo a xunta de portavoces da anterior corporación municipal coa empresa que construíu a piscina. Os traballos consisten no selado e reparación das humidades da carpintería exterior e de ventás; e tamén a substitución das mochetas interiores con pladur. Tiñan un aspecto moi malo, con humidades e oquedades, e durante as últimas inspeccións viñan notando sempre esas deficiencias. A verdade é que se mellora moito hixienicamente e o aspecto da piscina municipal”.

O alcalde engadiu que esta reparación “era unha demanda que nos estaban facendo os usuarios da piscina, aos que hai que agradecer a paciencia que están tendo nestes días, tratando de convivir con esas obras, que son necesarias. E, unha vez estean feitos estes traballos por parte da empresa Alea, o Concello devolverá ese aval que había pendente xa dende o último ano da construción”.

Castiñeira rematou explicando que “queda pendente a obra de substitución do lucernario, dos elementos de vidro, que terá que facerse con cargo ás contas do Concello. Estase estudando por parte do arquitecto a forma de facelo”.

Exit mobile version