Site icon Crónica3.com A Mariña

Conde convida aos empresarios lucenses a aproveitar as novas ferramentas para dinamizar a economía da provincia

Lugo, 20 de xaneiro de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na tarde deste mércores en Lugo nunha xornada de networking na que convidou aos empresarios lucenses a aproveitar os novos programas de axudas da Consellería, que ten activados xa neste mes de xaneiro preto do 70% das convocatorias para este ano, con liñas abertas que suman 185 millóns de euros centrados en eidos como o fomento do emprego, os investimentos, a eficiencia enerxética, a innovación ou a internacionalización.

No encontro celebrado na sede da CEL, no que Conde tivo a oportunidade de escoitar as propostas dos participantes para continuar a dinamizar a economía da provincia, o conselleiro sinalou que, ao marco xeral de axudas para as pemes galegas, en Lugo se suman iniciativas como as aceleradoras Agrobiotech e ViaLugo, así como o polo tecnolóxico de avións non tripulados que terá o seu centro neurálxico no aeródromo de Rozas. Estas iniciativas, sinalou, permiten avanzar na diversificación industrial e supoñendo unha oportunidade para a consolidación da industria da provincia.

Salientou o conselleiro o emprendemento no rural, os sectores biotecnolóxico e agroalimentario, o lácteo e a transformación da biomasa como ámbitos prioritarios para o desenvolvemento de proxectos empresariais na provincia.

Neste eido, Conde lembrou que o Igape vén de activar programas de apoio por 22 millóns para impulsar os investimentos empresariais e proxectos da Industria 4.0 das pemes galegas, que se suman aos diferentes instrumentos financeiros dispoñibles mediante o programa Galicia 1000, ou á aposta pola internacionalización, con convocatorias abertas nestes momentos por 9,5 millóns de euros.

Na reunión tamén se salientou a oportunidade que supón para a innovación nas empresas lucenses o programa Conecta Peme, a cuxa terceira edición se destinan 25 millóns de euros e cuxo prazo de presentación de solicitudes se vén de ampliar ata o vindeiro 9 de febreiro.

Tamén se fixo fincapé na liña destinada a promover o aforro e a eficiencia enerxética nos sectores industrial e de servizos, dotada con 9,5 millóns, achegando os procesos produtivos á industria 4.0, así como os programas para impulsar as enerxías renovables, cun orzamento total de 1,3 millóns, e o de biomasa, con 8,4 millóns.

Por outra banda, o conselleiro destacou que na área de Emprego están activas axudas por preto de 100 millóns nas que se priorizan os colectivos máis desfavorecidos ou con menor empregabilidade.

Conde, que resaltou a importancia do comercio na recuperación económica, destacou tamén que se veñen de activar apoios por 5,6 millóns para continuar reforzando o comercio de proximidade galego, con axudas centradas no impulso do asociacionismo, a modernización e no establecemento do smart commerce e o comercio en liña.

Exit mobile version