“Estou moi a gusto aquí e moi contento pola confianza depositada no meu traballo; desde o día que cheguei o trato foi inmellorable tanto do club e dos xogadores como da vila” recoñecía así Daniel a súa satisfacción polo acordo tras a sinatura da súa continuidade. “Tiña moitas ganas de volver a unha liga tan competitiva e bonita como a española. Creo que estamos cumprindo co obxectivo; traballamos pola consolidación na categoría e gañamos o premio de disputar por segunda vez na historia do club a Copa de España” reflexionaba o adestrador burelista sobre os seus primeiros meses na Mariña facendo mención tamén aos desexos deportivos a curto e longo prazo: “A competición está moi igualada e oxalá poidamos seguir pelexando pola motivación do play off. Espero acabar ben este ano e seguir a próxima tempada facéndoo mellor”.