Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e EOI ofrecen a 300 mozos lucenses no paro formación e axudas para a súa inserción laboral

depu-eoiO Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o Subsecretario do Ministerio de Industria e Presidente da Escola de Organización Industrial (EOI), José María Jover, asinaron este venres un convenio de 2 millóns de euros para a posta en marcha dun programa de emprego xuvenil na provincia luguesa. No acto, tamén participaron o Deputado provincial Pablo Rivera e o Director Xeral da EOI, Fernando Bayón.

Campos Conde explicou que “esta colaboración permitiranos ofrecer formación a uns 300 mozos lucenses desempregados para contribuír a súa insercción laboral de dúas maneira: por conta allea, é dicir, en empresas e colectivos da provincia; ou favorecendo o emprendemento ao contribuír á posta en marcha dos seus propios negocios”. Jover destacou que “un dos grandes problemas dos mozos é acceder ao mercado laboral. Dende a EOI xa permitimos o desenvolvemento de 48.000 ideas emprendedoras e formamos a 80.000 persoas”.

Tres fases
A programación na provincia de Lugo divídese en tres fases: unha primeira fase de dignóstico, que arrancará no prazo aproximado dun mes e na que haberá encontros con empresarios, colectivos e mozos de toda a provincia. O seu obxectivo é coñecer as necesidades de ambos os dous sectores para axustar a oferta de emprego á demanda.

A segunda fase será a de formación dos mozos nos nichos de mercado detectados na provincia. Finalmente, a fase de insercción laboral xuvenil. Esta será en empresas ou colectivos da provincia. As contratantes recibirán axudas de hasta 4.200 euros para gastos salariais e de seguridade social de 6 meses. No caso de que os mozos opten por abrir os seus negocios, recibirán 3.000 euros.

Requisitos
Os requisitos para optar a esta programación son: estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; ser lucense desempregado de entre 18 e 30 años; e non ter recibido formación de máis de 40 horas nos 3 meses anteriores por parte dunha administración pública.

Financiamento
O programa está dotado de 2 millóns de euros, financiados nun 8,11% pola Deputación de Lugo, son más de 160.000 euros de fondos propios; e nun 91,89% polo Fondo Social Europeo, “que representan máis de 1,8 millóns de euros que, de novo, capta esta institución da Unión Europea grazas e a través da Escola de Organización Industrial”, apuntou o titular provincial.

Paro xuvenil na provincia de Lugo
Segundo a EPA, -que non contabiliza, por exemplo, os mozo que están a estudiar-, a taxa de desemprego xuvenil na provincia de Lugo é do 28,1%. Esta porcentaxe descendeu con respecto a años anteriores, pois no 2013 chegou ao 40%. “Este descenso débese, principalmente, á emigración dos nosos mozos, pois, cada día, 40 abandonan Galicia na busca de oportunidades laborais, que non teñen no noso país”, subliño Campos Conde. Outra das causas da taxa de paro xuvenil é o déficit formativo. “Contamos con mozos que abandonaron o seus estudios e con mozos cunha cualificación académica alta (titulados ou diplomados), pero que o seu perfil non encaixa no mercado laboral. Ademais, ao paro e á emigración xuvenil, súmase outro problema: a temporalidade dos contratos”, engadiu.

Segunda colaboración: 5 millóns de euros
Rivera Capón apuntou que “non é a primeira vez que Deputación de Lugo e EOI traballan man a man. Xuntos fomos capaces de pór en marchar un proxecto de 3 millóns de euros, financiados nun 80% por fondos FEDER da Unión Europea, para impulsar a actividade de autónomos, pequenas e medianas empresas. Refírome ao proxecto que chamamos Dinamización do Tecido Produtivo de Lugo. Froito desta iniciativa, 300 empresas da provincia recibiron asesoramento especializado sobre o uso das novas tecnoloxías, comercio electrónico, márketing dixital ou redes sociais, co obxetivo de facer máis competitivos os seus negocios e, polo tanto, conseguir novos beneficios”.

Pola súa banda, Bayón agradeceu “aos compañeiros da Deputación de Lugo os resultados máis que satisfactorias” da programación que EOI e organismo provincial impulsaron conxuntamente, e destacou o feito de isto supuxese que a Deputación de Lugo leva captado un total 5 millóns de euros de fondos europeos a través da Escola de Organización Industrial.

Exit mobile version