Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia achegará a Fitur o seu proxecto ‘Mondoñedo, mil historias que vivir’

Mondoñedo, 20 de xaneiro de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, leva este xoves a Fitur o seu proxecto “Mondoñedo, mil historias que vivir”. Baixo este título englóbase seis produtos turísticos relacionados coa historia e o patrimonio, a arte e a literatura, a gastronomía, a artesanía, a natureza e o Camiño Norte, co propósito de promocionar a localidade fóra de Galicia.

A través dun vídeo divulgativo e de diverso material informativo farase un percorrido por eses seis produtos no que se recupera a figura de Cunqueiro, a cova do Rei Cintolo, a Tarta de Mondoñedo, o traballo de ceramistas e canteiros e as paisaxes e segredos que agocha o Camiño Norte ao seu paso pola localidade.

Na súa visita a Fitur, a alcaldesa tratará de manter contactos e reunións con axencias, operadores e outras institucións para tratar de pechar acordos en materia turística. A maiores, o Goberno local ten previsto dar a coñecer o potencial de Mondoñedo a través do deseño de dípticos e do reforzo da oficina de turismo. Tamén se creará un perfil na rede social Facebook e porase en marcha unha páxina web na que figuren os principais atributos da localidade.

Presentación na Casa de Galicia
Aproveitando a visita a Fitur, a rexedora presenta ás 17:00 horas na Casa de Galicia Mondoñedo como cidade turística, acto no que abundará sobre todos os recursos que ten o municipio para atraer visitantes. “Para nós o turismo é un sector estratéxico e dinamizador da economía local, polo que non escatimaremos esforzos para que as nosas accións dean os mellores resultados en un breve prazo de tempo”, explica a rexedora.

Exit mobile version