A voceira, que compareceu acompañada dos vicevoceiros Juan Carlos Armesto e José Antonio García, explicou que os Orzamentos seguen a acumular un retraso “alarmante e intolerable”, posto que xa tiñan que ser aprobados antes de comezar o 2016. “Lamentamos que o Señor Campos non atenda as necesidades da provincia e as súas obrigas como presidente e consideramos inaceptable ademais que se incumpran os acordos tomados pola maioría do Pleno”, matizou.
Elena Candia considerou que este xesto do bipartito “é un insulto para este grupo, o maioritario, para os cidadáns que nos teñen apoiado, pero non só. É un insulto para todos e todas os lucenses que vén que o goberno provincial desatende as súas inquedanzas e problemas”. A popular afirma que socialistas e nacionalistas deixan á vista “a incapacidade para xestionar esta administración, posto que non contan cun proxecto para esta provincia ni coas gana e o empeño necesario para sacalo adiante”.
O Grupo Provincial Popular asegura que este incumprimento por parte do bipartito tamén pon de manifesto que cando foron ao Parlamento nos mentiron, mentíronlle a todos os lucenses, anticipando as liñas mestras duns orzamentos que non existen. “Nin naquel momento no Parlamento, nin a día de hoxe teñen un proxecto de Orzamentos para esta provincia, posto que seguimos sen coñecer os investimentos que se levarán a cabo este ano”, engadiu Candia.
“Do Señor Campos polo de agora só sabemos que non respecta os acordos do pleno e que cando hai que apoiar decisións importantes como aumentar o Orzamento de Suplusa para beneficiar a todos os concellos, decide darlles as costas e votar en contra. En todo este tempo só lle temos visto tomar unha decisión: manter un vehículo de alta gama para viaxar. En ningún momento, en ningunha das poucas decisións que ten adoptado este presidente, tivo en conta os intereses desta provincia e dos lucenses”, concluíu.