O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo que foi “un acto moi entrañable, protagonizado fundamentalmente pola ilusión dos nenos e nenas gañadores, lembramos a importancia da lectura e da escritura”.
O edil nacionalista indicou que “aventurarse polos estantes da sala de consulta da Biblioteca El Viejo Pancho, ou do recuncho dos contos infantís, é unha boa maneira de percorrer o mundo e encher o maxín de lendas e fábulas e historias marabillosas. Brincar coas palabras consultando un dicionario, mellor que sexa ilustrado se é o primeiro que miramos, tamén é un bonito entretemento. E para as olimpíadas das palabras, os 100 termos cos que podemos designar a chuvia na nosa lingua”.
E engadiu: “Ainhoa, Paula, Darío, Carís, Desirée, Julia, Alicia, María e Daniel souberon mostrar nos seus poemas dedicados á celebración do Nadal, como saben xogar coas palabras. A lectura e a escritura, as súas visitas á biblioteca El Viejo Pancho e á do seu centro educativo, van deixando neles a súa pegada. Ogallá que teñan moita sorte na fase provincial deste certame literario. Desde Ribadeo animámolos a eles, e a todas as nenas e nenos que aman a lectura, a seguir coa súa aventura lectora e escritora”.