A Coruña, 4 de xaneiro de 2016.- A DXT fixo públicos este luns os datos de Seguridade Vial do ano 2015, onde destaca un novo descenso no número de vítimas mortais nas vías interurbanas de Galicia, xa que se rexistraron 91 falecidos, 19 menos que no 2014, que se pechou cun balance de 110 mortos.
Por provincias, o número de falecidos foi de 35 na Coruña, 17 en Lugo, 7 en Ourense e 32 en Pontevedra. Tomando como referencia o ano anterior, o balance ofrece como resultado nove vítimas menos na Coruña (44 no 2014), 12 menos en Lugo (29 no 2014), 9 menos en Ourense (16 no 2014) e 11 máis que en 2014 en Pontevedra, cando se rexistraron 21 falecidos en sinistros viarios.
Con estes datos, e do mesmo xeito que sucede no cómputo xeral de todo o país, séguese unha tendencia á baixa que contrasta especialmente cos datos históricos do ano 2000, cando faleceron en Galicia 380 persoas en accidentes de tráfico.
Respecto dos atropelos en vías interurbanas, cun total de 13 vítimas mortais e unha porcentaxe do 14% na accidentabilidad en vías galegas, percíbese tamén un descenso con respecto aos anos anteriores, xa que se contabilizaron 20 no ano 2011, 19 en 2012, 18 en 2013 e 17 en 2014.
En canto aos accidentes mortais en motocicletas, rexistrouse un incremento no número de vítimas, pasando de 11 no 2014 a 14 nos doce meses do ano 2015. O histórico deste tipo de accidentes varía sustancialmente dependendo da climatoloxía, xa que o tempo seco fai que circulen máis vehículos deste tipo e que, polo tanto, aumente a probabilidade de que se produzan accidentes.
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, asegurou que “son datos bos que presentan unha evidente melloría con respecto a exercicios anteriores, pero non falaremos de datos positivos ata que alcancemos o obxectivo de cero vítimas en sinistros de tráfico”.