Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia tamén combate a pesca ilegal

Na última sesión da Comisión de Pesca do Parlamento galego a oposición aseguraba en ton burlesco que defender, como fixo o PP, unha iniciativa instando ás administracións a estar vixiantes ante os países que practican a pesca ilegal é no falar dos verdadeiros problemas do sector. Probablemente a estes deputados parécelles frívolo combater prácticas coas que se destrúen os hábitats mariños ou se distorsiona a competencia, introducindo produtos de baixa calidade e cuestionables garantías sanitarias.

A flota galega, a diferenza do que fan algúns destes países, cumpre dun xeito escrupuloso a normativa sobre pesca sostible e leva anos realizando enormes esforzos e apostando por artes e aparellos máis selectivos e sostibles. Sacrificios baleiros se permitimos que outros países non teñan o mesmo compromiso. Nada disto parece ter importancia para unha oposición empeñada en xerar crispación e dividir ao sector, incapaz de propoñer iniciativas construtivas e obsesionada en desvirtuar aquelas que, dun xeito positivo, o Grupo Popular impulsa.

Quizá PSOE, BNG e AGE ignoran que Comorás e Taiwán, entre outros, exportan filete de peixe conxelado, marisco e aceites mariños que compiten nos mesmos mercados que o noso. Probablemente despois estes mesmos parlamentarios que falan con tanta lixeireza, non teñan tanta valentía para explicar porque que non queren facer nada ante os mariñeiros galegos que poden perder o seu emprego ou ante as traballadoras de conserveiras ou industrias de transformación que ven perigar a súa actividade, consecuencia da competencia desleal que provocan estes produtos foráneos.

Claro que hai moitas cuestións para debater na Cámara galega en relación coa mellora da actividade das mulleres e dos homes do mar en Galicia. Facémolo en cada sesión. Pero o combate da pesca ilegal é tamén unha das preocupacións da nosa flota. Se a oposición é tan irresponsable para burlarse desta cuestión alá eles, pero desde o Grupo Popular seguiremos defendendo os intereses de Galicia aquí e nos mares e océanos máis afastados do mundo onde teñamos algo que dicir e protexer.

Jose Manuel Balseiro

Voceiro do Mar do Grupo Popular.

Exit mobile version