Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia e Casas Martínez falaron co Conselleiro de Educación Román Rodríguez da situación dos centros de ensino de Burela

pp-conselleiroBurela, a 25 de xaneiro de 2016.- O portavoz do Grupo Municipal Popular burelés, José María González Barcia, e o concelleiro José Casas Martínez, reuníronse co Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, logo da visita oficial que o conselleiro fixo a Burela para comprobar cómo quedaron as obras de ampliación do IES “Perdouro” de cara á implantación da Formación Profesional Básica, e que supuxo un investimento de 360.000’00€ por parte da Xunta de Galicia.

Na reunión que mantiveron os dous concelleiros populares co Conselleiro, Barcia e Casas recoñeceron a importancia dos investimentos feitos pola Consellería de Educación en Burela no último ano e medio: cambio da cuberta do edificio do CEIP “Vista Alegre”, reparacións na cuberta nun dos edificios do CEIP “Virxe do Carme”, e a ampliación do IES “Perdouro”, a primeira que se fai nun centro educativo de Burela en quince anos. González Barcia lembrou que “cando estivemos no goberno municipal, xestionamos esta obra coa Xunta porque entendíamos que as demandas do IES ‘Perdouro’ eran acertadas”.

Durante a reunión, o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez e os dous concelleiros populares fixeron un repaso á situación dos centros de ensino bureleses e ás posibles necesidades dos mesmos. González Barcia manifestou que “nestes momentos, debemos traballar para cambiarlle a cuberta ó pavillón do CEIP ‘Virxe do Carme’, obra da que xa hai unha memoria valorada feita polo anterior goberno municipal do PP”.

González Barcia e Casas Martínez manifestáronlle a Román Rodríguez o seu agradecemento pola reunión, “xa que no PP, desde a oposición, vamos seguir traballando por Burela, e vamos seguir de cerca os procedementos daquelas actuacións que nós deixamos encamiñadas, máis ainda cando vemos que nin o alcalde nin os seus concelleiros se preocupan o máis mínimo polos problemas de Burela e moito menos polo ensino”.

Exit mobile version