Site icon Crónica3.com A Mariña

MUSIQUEANDO volverá levar a todas as comarcas lucenses a música popular

fcLugo, 29 de xaneiro do 2016._ O Delegado de Cultura e voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, aproveitou a habitual rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno para dar conta da aprobación do “Musiqueando…pola provincia de Lugo 2016”.

Tal e como expuxo Xosé Ferreiro, “a Área de Cultura volve apostar, un ano máis, por un programa como “Musiqueando”, co obxectivo de achegar a música popular a todos os recunchos de Lugo, potenciando a música de base, traballada por numerosos grupos, corais e bandas nas distintas comarcas lucenses e incrementando as posibilidades de que teñan un oco nas festas dos nosos Concellos”, sinalou Ferreiro.
O responsable de Cultura na Deputación de Lugo destacou o incremento da contía orzamentaria que este ano se vai destinar a “Musiqueando”, cifrando en 100.000 € o total do custe do programa, 15.000 € máis ca en anos anteriores.

Tal e como informou Xosé Ferreiro, nesta nova edición introdúcese un cambio nos cachés das bandas de música, “escoitando a demanda que desde o sector fixeron chegar á Área de Cultura”, sinalou. Así os cachés das actuacións de “Musiqueando pola provincia de Lugo 2016” serán de 800 € para as bandas de menos de 15 integrantes, de 1000 € para as bandas de entre 15 e 24 integrantes, de 1300 € para as bandas de entre 25 e 39 integrantes, de 1500€ para as bandas de entre 40 e 50 integrantes, e de 2000 € para as bandas de máis de 50 integrantes.

Por outra banda, os cachés serán de 500 € no caso das corais e grupos de música tradicional. Un custe que será, coma en anos anteriores, cofinanciado nun 80% pola Área de Cultura e nun 20% polas comisións de festas, asociacións ou Concellos que soliciten actuacións.

Na vindeira semana sairán publicadas no BOP as bases do programa, momento a partires do cal os grupos que queiran formar parte do “Musiqueando 2016” poderán inscribirse no prazo de 30 días naturais, contados a partires da publicación das bases no BOP. Do mesmo xeito, desde a data de publicación e ata o 31 de marzo, as entidades que así o desexen poderán formalizar a súa solicitude de actuacións.

Orzamentos da Deputación de Lugo
Preguntado polos xornalistas sobre a cuestión dos orzamentos da Deputación, Ferreiro aclarou que “desde o goberno da Deputación estivemos traballando para ter unha proposta de orzamento para esta anualidade seria e responsable, e esta é a liña que seguimos mantendo, por iso resulta sorpresivo que o PP poña unha data límite, pois dá a impresión de que xa está dicindo que non quere que a Deputación de Lugo conte con orzamento, e con isto as únicas perxudicadas son as veciñas e veciños da nosa provincia”.

A isto, sinalou o voceiro do BNG e Delegado de Cultura, súmaselle que “o PP non presentou en ningunha das reunións mantidas entre os voceiros dos grupos políticos con representación na Deputación ningunha crítica descalificadora á proposta orzamentaria presentada, o cal indica, novamente, o seu desleixo e desinterés en que a Deputación teña orzamentos”.

Ferreiro concluíu sinalando que “en todo caso, nunca aceptaremos un orzamento no que se prime a un único Concello á conta de restarlles e deixar sen servizos aos demáis Concellos da provincia” e, insistiu, “o PP verá se quere actuar irresponsablemente ou quere sumarse á proposta do goberno en beneficio das veciñas e veciños da provincia de Lugo”.

Exit mobile version