Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela asistirá este sábado en Santiago á presentación da Vuelta Ciclista a España e intentará que pase pola avenida Arcadio Pardiñas a etapa mariñá

Burela, 8 de xaneiro de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, estará presente este sábado na presentación da nova edición da Vuelta Ciclista a España, que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións da capital galega. O rexedor aproveitará a ocasión para intentar que a Vuelta, que este no pasa pola Mariña, atravese a rúa principal de Burela, a avenida Arcadio Pardiñas, no seu percorrido polo municipio.

Alfredo Llano explicou que “estou convocado como alcalde para ir mañá a Santiago ao Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia á presentación da nova edición da Vuelta Ciclista a España. Por un lado, atenderei á presentación, como é lóxico, porque é bonito que veña pola Mariña. A Vuelta vai ter unha etapa con inicio dende Viveiro e chegará a Lugo e, polo tanto, penso que é unha boa noticia que circule por varios dos municipios da nosa comarca. Entre os concellos polos que vai pasar está o de Burela, sexa como sexa, así que vou intentar falar con Javier Guillén, o director de Vuelta Ciclista a España, para ver se é posible que pase pola rúa principal, por Arcadio Pardiñas, para facela máis vistosa e que Burela poda aproveitar esta ocasión”.

Segundo Llano “estas son ocasións únicas porque non é que a Vuelta pase moito pola zona, así que cando pasa hai que aproveitala. Ademais de atender á presentación e de dar os parabéns a todos os concellos polos que vai pasar, como A Pontenova, Foz, etcétera, miraremos que mais se pode facer con respecto a Burela, a ver se é posible que pase polo centro, por Arcadio Pardiñas. Ao mellor xa teñen eles pensado outra alternativa, como é a de circular pola variante, pero se é posible eu vou intentar que pase por Arcadio Pardiñas”.

Fitur 2016
Por outra banda, Llano mantivo esta mañá unha xuntanza co presidente da Acia local, Rubén Pinín, para falar da presenza de Burela en Fitur: “en Madrid presentaremos un vídeo da festa castrexa e levaremos unha serie de folletos informativos con información de eventos como a feira do bonito, as festas patronais… Concello e Acia colaborarán para promocionar conxuntamente Burela, o seu comercio e a súa hostalería”.

O alcalde anunciou que “estamos elaborando un novo folleto turístico de Burela. Non nos dará tempo de levalo a Fitur neste 2016, pero estará listo para acudir a outras feiras e tamén o levaremos á Feira Internacional de Turismo do vindeiro ano”.

Exit mobile version