Llano relatou que “hai unha oportunidade para que Burela conta cunha nova EDAR no porto, con tecnoloxía biolóxica, o que implicaría menos contaminación, menos ruído e menos mantemento. No peirao, preto da actual estación depuradora, hai un solar cunha superficie dun seis ou oito mil metros cadrados, que é o que se precisa, para poder levantar alí a nova EDAR. Por parte de Portos de Galicia non hai ningún problema. O asunto non só depende deste ente, senón que tamén teremos que abordalo con Costas, algo que quero facer xa nos vindeiros días. Estou moi satisfeito por esta postura de Portos de Galicia. Ese é o sitio idóneo para unha nova EDAR”.
Outro dos asuntos analizados no encontro deste venres foron os pagos de taxas por ocupación da zona portuaria. Alfredo Llano considera que “Burela fai moitas actividades ao longo do ano no porto e paga unha partida moi elevada por este motivo. Sería necesario rebaixar esas taxas polos usos do porto e que sexan moito máis xustas. Este é un asunto no que traballarán a Fegamp e Portos de Galicia e xa saberemos como queda”.
Fins turísticos
Sobre os usos con fins turísticos dun solar que se atopa situado detrás da Capitanía Marítima o rexedor burelés lembrou que “alí queremos facer unha praza pública para uso e disfrute dos nenos e nenas de Burela e para colocar alí terrazas. A Portos de Galicia esta proposta parécelle ben. Nalgunhas das naves que hai alí estaría ben abrir locais hostaleiros para potenciar os produtos que capturan os nosos mariñeiros e incluso algunha conserveira artesá. Agora imos ver cal é a interacción entre o porto e os negocios de Burela. Hai que ver cántas empresas estarían dispostas a situarse nesa zona para así convertela nun punto de atracción turística da nosa vila”.
O Concello presentará a correspondente solicitude para que se establezan un día ou unhas horas para poder acceder ao fondo do porto comercial e visitar á Virxe do Carme: “é unha demanda importante e esas visitas deben producirse coa maior seguridade. Debería ser cando por esa zona non haxa actividade. Imos ver como se pode regular. O mesmo lles pasa aos afeccionados á pesca do calamar, que só se poderán achegar ata alí cando non exista actividade comercial”.
O Berbés
Sobre o polígono industrial do Berbés, o alcalde sinalou que “é un bo sitio para a instalación de novas industrias vinculadas ou non co mundo do mar. As empresas interesadas en situarse alí o único que teñen que facer é poñerse en contacto con Portos de Galicia. Unha vez que rematen as obras do acceso ao porto é unha moi boa localización para establecerse nesa zona de Burela. Ademais contáronnos que as concesións pasan de 30 a 50 anos, co que se facilita aínda máis a instalación de empresas neses terreos”.
A grúa de grandes dimensións coa que contará o porto burelés é obra da Consellería do Mar, segundo dixo Alfredo Llano: “é unha grúa moi demandada, que será moi funcional, dado que ten unha potencia moi importante. Tamén falamos da limpeza das augas, en concreto dunha mancha que se produciu hai unhas semanas. Fixémoslle chegar a nosa preocupación para que estes feitos non volvan producirse e demandamos que a limpeza se realice con máis regularidade, aínda que coa nova empresa que se encarga destes traballos a situación mellorou bastante”.
O alcalde burelés tamén lle falou ao presidente de Portos de Galicia das actividades deportivas e recreativas que se poderían desenvolver no peirao: “o noso interese e que se favoreza a realización deste tipo de actividades. Hai pleno acordo polas partes nas zonas que se habiliten para ese fin”.
Dragado necesario
Sobre as melloras na dársena portuaria, Llano dixo que “alí hai que facer un dragado e construír un muro de seguridade. O martelo que falta xa vai incluído nos presupostos de 2016 e calculan que se licite este ano. Trátase de algo moi demandado e moi importante. Cando falo da mellora da dársena refírome á zona que está moi cerca do edificio da Cruz Vermella; alí sería bo facer un dragado coa pretensión de gañar calado, que sería perfecto para o atraque de barcos de baixura ou menores. E tamén colocar os pantaláns, que están á esquerda da Cruz Vermella, ao lado dereito. Así gañaríase en prestacións e en seguridade no porto burelés. Alí hai tres pantaláns e o que pretendemos é que sexan 5. Os técnicos alí presentes din que se trata dun proxecto moi custoso (o do dragado), pero así o porto quedaría nunhas perfectas condicións de seguridade e cos mellores servizos posibles. O noso peirao sería moito máis competente e con moita categoría”.
O rexedor de Burela engadiu que “tamén falamos do porto comercial, do bo que sería que contase con máis actividade, incluso de que recibise barcos con pasaxeiros ou embarcacións militares e de vela, algo que sería bo para a atracción turística da vila e da comarca”.
San Cibrao
E finalmente sobre o porto exterior de San Cibrao, dependente do Estado: “consideramos que ten que ter unha repercusión económica importante en todo o litoral de Lugo, desde Ribadeo ata O Vicedo. Os beneficios que xera teñen que repercutir en toda esta zona. Esta é unha demanda de hai moito tempo. Penso que José Juan Durán entendeu as nosas inquedanzas. É unha cuestión moi importante para todos os nosos portos. Tamén estaría ben que o porto de San Cibrao fose xestionado directamente por Portos de Galicia”.
E sobre a nave de redes Llano indicou que “imos revisar o convenio asinado no seu día entre Confraría, Concello e Portos co obxectivo de abaratar as taxas que se pagan pola celebración de actividades nese espazo e así facilitar a celebración de máis eventos nesa instalación”.
O alcalde de Burela considera que na reunión deste venres “non houbo atrancos, senón facilidades por parte de Portos de Galicia. Foi unha visita moi positiva e espero que en pouco tempo vexamos os primeiros resultados”.