Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo considera que “hai que seguir traballando para mercar os terreos para a ampliación do Museo do Mar” e pide ao BNG local e provincial que se poñan “de acordo”

Cervo, 21 de xaneiro de 2016. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, considera que é necesario seguir traballando para comprar os terreos necesarios para a ampliación do Museo do Mar, de San Cibrao, pero pide que o BNG provincial e o local se poñan de acordo sobre este asunto. Obviamente a máis importante para os intereses dos veciños de Cervo é a do BNG local. O rexedor municipal recordou que nun pleno da corporación cervense celebrado no 2005 aprobouse por unanimidade unha moción do Bloque para solicitar que esa parcela fose comprada pola Deputación de Lugo.

Alfonso Villares, acompañado por outros membros do goberno municipal, compareceu hoxe en rolda de prensa “ante as noticias que apareceron esta semana respecto ao Museo do Mar e concretamente unhas declaracións do portavoz do BNG na Deputación nas que dicía que Concello, Xunta e Deputación nos tíñamos que poñer de acordo para ampliar o Museo do Mar”. E explicou que “desde o Concello de Cervo en primeiro lugar temos que pedirlle ao BNG provincial e ao local que se poñan de acordo, porque eu creo que ese é un paso importante a dar antes de que nosoutros, desde o Concello, continuemos tamén avanzando no camiño que creo que temos que seguir todos para adquirir estes terreos co fin de ampliar o Museo do Mar. E digo que terían eles que dar ese paso porque o que di o BNG provincial non ten nada que ver co que dixo e di o BNG aquí, en Cervo, pois no ano 2005 aprobouse unha moción proposta polo Bloque que dicía: o grupo municipal do BNG insta á corporación municipal a dirixirse á Deputación Provincial para que merque o quinteiro comprendido entre a rúa do Torno, o paseo marítimo e a avenida da Mariña, en San Cibrao (Cervo), que é o terreo onde se quere ampliar o Museo do Mar. O grupo municipal do BNG tamén instaba neste acordo a dar traslado á Deputación e ás persoas e entidades interesadas. Este acordo foi aprobado por unanimidade, pero a proposta do BNG; polo tanto o Bloque tiña claro e ten claro, parece ser, que é a Deputación que ten que comprar estes terreos e así o aprobamos todos por unanimidade. Pero á vista das declaracións feitas recentemente parece ser que o BNG provincial di unha cousa distinta. Por tanto o que lles pedimos para seguir dando pasos é que aclaren a súa postura: se vai ser a do BNG provincial ou a do local a que se teña en conta. Obviamente a mellor opción para os intereses dos veciños de Cervo é que eses terreos sexan comprados integramente pola Deputación. Unha vez que aclaremos isto nós, desde o Concello, seguiremos adiante á hora de intentar coas conversas necesarias coa Deputación Provincial, porque foi a quen non diriximos ata agora, a adquisición destes terreos para poder posteriormente ampliar o Museo do Mar”.

O alcalde engadiu que “houbo outras declaracións que tamén me gustaría aclarar, con respecto á paralización do Plan Xeral e á protección do museo, porque non son certas e quen fixo estas manifestacións sabe perfectamente que cando se produciu a paralizacións das licenzas nese quinteiro, e tamén foi a instancias do BNG e tamén foi aprobado por unanimidade por toda a corporación de Cervo, posteriormente por parte da Xunta de Galicia, gobernada polo bipartito de PSOE e BNG, no ano 2007 se nos dixo que había que explicar claramente en que se sustentaba economicamente esa suspensión, porque por moito que paralizásemos as licenzas, e así intentamos facer para poñer esa zona como dotacional, a Xunta do goberno bipartito obrigábanos a dicir quen ía sufragar os gastos, porque a propia administración autonómica entendía que a persoa propietaria destes terreos ten uns dereitos adquiridos e tiña que facerse cargo deles algunha administración. Foi polo que nos diriximos á Deputación, pero nunca nos dixeron que eles directamente ían adquirir estes terreos nin tan sequera se comprometeron por escrito a levar a cabo un proceso de expropiación da parcela para que esa modificación puidera facerse. Polo tanto isto é algo que hai que corrixir con respecto ás declaracións do BNG nas que dicía que o feito de ter aprobado o Plan Xeral ía protexer o museo, cousa que non se puido levar a cabo polas esixencias da Xunta bipartita e pola falta de compromiso da Deputación; e realmente eles tíñano que saber. Entón pídolle ao BNG que diga as cousas como son, que non diga incertezas, pois a modificación non se levou adiante pola petición do goberno bipartito da Xunta dun informe económico, que lle solicitamos á Deputación, pero esta nunca se pronunciou comprometéndose á compra do terreo”.

Villares comentou ademais que o estudo de detalle para esa parcela “tivemos que aprobalo por responsabilidade, porque así o dicían todos os informes que eran vinculantes para facelo. E tamén dixemos que esta sentenza, polo recurso formulado pola Deputación Provincial, que tumba este estudo de detalle nosoutros vémola favorable e por iso non vamos recorrela”.

Exit mobile version