Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro esixe o nomeamento da nova zona axardinada do edificio da Opel como “parque das Irmandades da Fala”

O vindeiro 18 de maio cumpriranse 100 anos dende a creación das Irmandades da Fala. Ás Irmandades da Fala foron impulsadas polo viveirense Antón Vilar Ponte, e na súa primeira xuntanza o 18 de maio de 1916 foi nomeado ademais Primeiro Conselleiro. Tamén formou parte da súa creación o seu irmán Ramón Vilar Ponte. Esta organización nacionalista galega, mantivo a súa actividade entre os anos 1916 e 1931.

As Irmandades da Fala tiñan como obxectivo a exaltación, a defensa e o fomento da lingua galega. Buscaban a súa normalización nos usos administrativos, xurídicos, actividades socioeconómicas, na música, espazos de lecer e demais. A situación actual do Galego, con perda constante de falantes en favor do castelán, así como a restricción do seu uso en determinadas profesións e administracións, fan absolutamente vixente o pensamento e a pedagoxía das Irmandades da Fala; e fai preciso o traballo conxunto da sociedade galega, para preservar o valor máis preciado dun pobo, como é a súa lingua.

Tiñan ademais, unha nova forma de concibir o país, xa que por primeira vez na súa historia, unha organización nacida en Galicia decidirá apostar como eixo da súa definición a idea de “nacionalista”, situando a nación como centro de decisión e como suxeito fundamental do seu devir social, cultural e político.

As Irmandades da Fala crearon ademáis o xornal en galego “A Nosa Terra”, realizaron cursos de galego, recitáis, exposicións e diversas actividades culturais, nas 28 agrupacións que lograron formar en todo o País. Así mesmo defenderon a Galicia como nación, reclamaron a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do galego.

As Irmandades da Fala foron a organización fundamental na defensa do idioma e os dereitos políticos do país, a súa fundación foi un dos fitos da historia contemporánea de Galicia. Os Irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, precursores e impulsores da súa creación, foron nados en Viveiro, e por isto que o Concello de Viveiro debe neste ano 2016 deseñar un programa de actividades de recordo, posta en valor e homenaxe da actividade e acción das Irmandades da Fala, tal e como xa aprobamos neste pleno municipal de Viveiro.

É por isto, que o grupo municipal do BNG en Viveiro, propoñemos a realización de diversas accións de homenaxe ás Irmandades da Fala, durante o ano 2016.

Así, solicita ao Pleno Municipal de Viveiro a aprobación da seguinte MOCIÓN:

1. NOMEAR A ZONA AXARDINADA DE NOVA CREACIÓN ONDE SE ATOPABA O EDIFICIO DA ANTIGA OPEL COMO “PARQUE DAS IRMANDADES DA FALA”
2. SOLICITAR Á DEPUTACIÓN DE LUGO, A FINANCIACIÓN DUN MONOLITO A COLOCAR NO PROPIO PARQUE EN HOMENAXE ÁS IRMANDADES DA FALA.
3. FACER COINCIDIR A COLOCACIÓN DA PLACA CO NOVO NOME DO PARQUE, CO DÍA 18 DE MAIO, DATA DE CREACIÓN DAS IRMANDADES DA FALA, COA CELEBRACIÓN DUN ACTO INSTITUCIONAL DE HOMENAXE ÁS IRMANDADES DA FALA.

Exit mobile version