Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia as vellas chapuzas sobre o cemiterio burelao

Fai uns meses o pleno do concello de Burela iniciaba os trámites para solucionar os problemas detectados polos técnicos municipais na xestión do cemiterio municipal. Solicitábase ó concello de Cervo que fixese o necesario para iso posto que os acordos acadados neste ámbito datan de 1983, cando Burela pertencía ó concello agora veciño. Nese ano, coa proposta da empresa Construcciones Mon iniciouse o procedemento para a construcción dun cemiterio municipal en Burela, a cambio de que logo esa mesma empresa se encargase de xestionar a venda dos nichos. Foi aprobada esa proposta sen concurso público ningún. Anos despois, en 1988 un informe xurídico alegaba a nulidade do procedemento por vulnerar a lei en tres artigos.

“Como consecuencia de todo isto temos un cemiterio supostamente público pero que da beneficios a unha empresa privada, A Puida SL, que é a que se encarga de cobrar” sinalou Mario Pillado. O voceiro nacionalista quixo facer fincapé en que “fai catro meses que se iniciou o procedemento para regularizar a situación, pero por silencio administrativo do concello de Cervo iso quedou anulado. Agora que o señor Villares leu os termos contencioso administrativo na prensa semella que entrou en razón”.

O PP segue un papel lamentábel tanto en Cervo como en Burela con este tema
Mentres con respecto á solicitude de declaración de festa de interese turístico nacional da Feira do Bonito o PP e o PSOE se enzarzan nos medios nunha patética e absurda pelexa, na que o PP está a favor de tal propósito, o señor González Barcia non tivo nada que decir sobre a xestión do cemiterio municipal. “O que busca Barcia con esa polémica é ocultar as miserias do PP de Cervo e Burela no referente ó cemiterio, unhas formas de facer política que semella non mudaron en absoluto dado o comportamento del coma do seu compañeiro de partido en Cervo” espetou Pillado. “O BNG non vai entrar no xogo do bipartidismo e esixe que ámbolos concellos se poñan a traballar para solucionar esta problemática que afecta ós veciños” continuou.

Recordar que o señor Barcia gobernou en dúas épocas diferentes en Burela e o PP fíxoo na meirande parte das lexislaturas e nada fixeron para solucionar isto. “É evidente que estando quen está involucrado nesta situación o PP estaba e está atado de pés e mans, o peor é que ahí se comproba que sempre defenden intereses particulares e non os intereses dos veciños”

Por outra banda, só o BNG levou iniciativas ó pleno deste pasado xoves, no que se aprobaron mocións para arranxar as estradas N634 e N642, para conmemorar o día de Rosalía e para comezar tódolos trámites para a correcta xestión das praias en temporada estival. Como xa anunciaran os nacionalista, preguntaron canto costaron as luces de Nadal, onde o alcalde recoñeceu erros, e polo horario da Biblioteca tamén no Nadal.

Exit mobile version