Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela abre este xoves 7 un novo aparcamento na rúa dos Institutos, fronte ao IES Perdouro, con capacidade para uns 200 coches

Burela, 5 de xaneiro de 2016.- Burela disporá dun novo aparcamento municipal con capacidade para 200 vehículos na zona dos institutos, un espazo que abrirá o vindeiro xoves, día 7 de xaneiro. Así o fixo saber o alcalde, Alfredo Llano, que asegura que este novo espazo vai ser moi útil tanto para o persoal dos centros de ensinanza como para os usuarios do Hospital da Costa.

Alfredo Llano amosouse satisfeitos despois de anunciar que “o próximo xoves, pasado mañá, imos abrir o aparcamento fronte mesmo ao IES Perdouro, alí na rúa dos Institutos. Era un aparcamento moi solicitado e necesario para atender as necesidades do propio profesorado e alumnado do instituto, pero tamén dos usuarios do hospital. Con este novo espazo creo que se van beneficiar moitas persoas, moitos condutores. Ten capacidade para uns 200 coches e van sen sinalizar as prazas, así que o usuario, a medida que se vai colocando, debe ter a solidariedade suficiente como para ver que hai que aparcar o coche da mellor maneira posible para que se establezan rúas de paso e a separación necesaria para circular. De momento vai ser a libre albedrío no aspecto de colocarse en calquera posición, pero queremos que pouco a pouco se vaia determinando a colocación definitiva e que dalgún xeito se axuste ao número máximo de coches, uns 200, que non está nada mal para estar nesa situación”.

Llano lembrou ademais que “para acceder a este espazo é necesario entrar pola rúa dos Institutos, xa hai unha sinal alí colocada, e a saída debe facerse por unha rúa que está mesmo enfronte ao parque do hospital, xa se ve claramente a sinalización que así o indica. Faise por seguridade, para regular un pouco o tráfico e ter unha referencia clara de entrada e de saída e evitar que saian coches á rúa dos Institutos. En certas horas sería moi complicado dado que hai moitos alumnado por alí e entran moitos coches”.

O alcalde espera “que este novo aparcamento sexa útil para o que se pretende. Penso que quedou moi ben rematado, que está perfectamente situado, co piso ben conformado, e que dará servizo a moita xente. Espero que se saiba empregar da mellor maneira posible”.

Cambios na circulación
Alfredo Llano chamou tamén a atención sobre as modificacións no sentido do tráfico nas zonas dos institutos, xa en vigor, especialmente para cando o día 7 se reincorporen os alumnos ás aulas e aumente o número de coches na zona: “xa se mudou a sinalización viaria tanto da escola infantil como do colexio Vista Alegre. Xa se indicou estes días que a subida para ir ao Vista Alegre hai que facela pola rúa dos Institutos, que está xa perfectamente sinalizada, logo colleríase á esquerda para ir cara o Vista Alegre a través da rúa do Torques e logo a baixada obrigatoria é pola rúa Mestre don Camilo. É un circuíto pechado e, polo tanto, hai que fixarse nas sinais horizontais, que xa están postas, máis que nada porque o outro día houbo partido de fútbol sala e a xente seguía facendo o mesmo que antes da nova sinalización. Hai bastante despiste aínda con estes novos cambios”.

O rexedor burelés engadiu que “como vai comezar o colexio o día 7 sería bo que todo o mundo se fose acostumando e respectando a nova sinalización para evitar problemas maiores. Ao principio choca, loxicamente, pero xa o puxemos con moita antelación para que a xente se vaia acostumando. Está pensado para gañar seguridade á saída dos colexios e prazas de aparcamento, para darlle servizo ao novo aparcamento que se fixo fronte ao Perdouro e outro que se vai facer fronte á escola infantil. Por tanto, hai que darlle saídas e boa regulación e fluidez ao tráfico na zona. So lembro á xente que vai empezar a empregalo dun xeito constante a partir de xoves e venres nos colexios que se fixe ben para que non haxa problemas eses días no tráfico”.

Exit mobile version