Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno traballa na elaboración das bases para a concesión de axudas obxectivas ás asociacións de Burela

Burela, 22 de xaneiro de 2016. O equipo de goberno traballa na elaboración das bases para a concesión de axudas obxectivas ás asociacións de Burela. E destaca que si por algo se caracteriza “é pola colaboración constante cos asociacións e colectivos do noso concello”. Deste xeito resposta ás críticas vertidas nas últimas horas desde o grupo municipal do PP.

Dende o equipo de goberno de Burela “queremos manifestar a nosa sorpresa ante a nova arroutada do Partido Popular de Burela facendo declaracións e sacando conclusións máis propias de ultras e radicais, que de xente sensata e razoable, que é o que se lle debe de supoñer a un partido da oposición serio e responsable. É evidente que o primeiro partido da oposición en Burela está nunha travesía do deserto que esperemos, que polo ben dos veciños e veciñas de Burela, acabe rápido xa que os veciños merecen unha oposición seria e con propostas, e non a ultras descabezados”.

Para o equipo de goberno burelés “é evidente que as fontes de información do Partido Popular de Burela non son moito de fiar, e esa falla de información os leva a dicir falsidades e falacias que non os deixa en moi bo lugar. Por este camiño moito nos tememos que non levantaran cabeza”.

“Si por algo se está a caracterizar este equipo de goberno é pola colaboración constante coas asociacións e colectivos. Evidentemente o Partido Popular non pode dicir o mesmo xa que gobernou de costas a gran parte das asociacións (excepto as “amigas”) todos os anos nos que desgobernou este pobo”, seguen a relatar.

Dende o equipo de goberno subliñan que “as distintas áreas de goberno están a traballar na elaboración dunhas bases para a concesión das axudas ás asociacións, axudas que sexan obxectivas, para que todas as asociacións poidan ter as mesmas opcións. Non como pasaba co anterior goberno municipal na que o único criterio era o do señor Barcia. ¿Xa non se acorda o señor Barcia disto?. Este equipo de goberno ten o compromiso electoral de acabar con esas maneiras de actuar que nos parecen ditatoriais e caciquís, un xeito de facer as cousas moi propio do Partido Popular”.

E lembran que “na elaboración das bases se está a dar participación ás asociacións para que fagan as súas aportacións e así o están a facer. E dicir tamén que as asociacións está realmente satisfeitas de que as axudas do Concello se dean en base a criterios obxectivos e non a criterio do Alcalde ou do concelleiro de turno, tal e como se facía o anterior goberno. Que o señor Barcia pregunte e se informe ben e poderá comprobar o que dicimos”.

O equipo de goberno sinala que “como xa explicamos os criterios son obxectivos e como parece razoable e normal, e así o pensan tamén as asociacións, é normal que aquelas asociacións máis activas, máis participativas e que máis actos realizan ao longo do ano, sexan premiadas por iso, pero isto non quere dicir baixo ningún concepto que se vaia penalizar ao resto, xa que os criterios van ser os mesmos para todas. É unha pena que ao Partido Popular de Burela non lle entre iso na cabeza, pero é normal porque o seu único criterio para a concesión das axudas era a simpatía ou antipatía coa directiva ou os membros da asociación, non fai falla máis que ver o reparto das mesmas para darse conta”.

“Nós estamos convocando a todas as asociacións ás reunións para que podan aportar e dar opinión. O Partido Popular chegou a expulsar a asociacións de reunións nas que se falaba das axudas porque non lle caían ben ao señor Barcia ou aos membros do seu goberno, ¿esqueceuse disto Sr Barcia? As asociacións ás que expulsou non, podemos asegurarllo”, explican desde o equipo de goberno burelés.

Rematan indicando que “non imos aceptar leccións de ética nin de legalidade dun partido político que deixou que empresas traballasen sen contratos para o Concello de Burela, que se apropiou de bens dos veciños e veciñas de Burela e que a día de hoxe non foron aínda devoltos, ou de mandatarios que eran capaces de cobrar por norma dietas de viaxe de 900 euros mes tras mes e non caerlle a cara de vergonza, aínda que está claro que vergonza non deben de usar porque para dicir as cousas que din fai falta ter moi pouca. Entendemos que é importante que o principal partido da oposición despois de sete meses desaparecido empece a aportar cousas, e que non debe perderse en sinsentidos que en pouco ou nada poderán axudar a que o pobo mellore”.

Exit mobile version