Site icon Crónica3.com A Mariña

O Especial Fin de Campaña de “Amañando o país”, o programa máis longo de Radio Burela en 2015, e o “Parolando” sobre as raíñas das festas, o máis escoitado na Rede

10355482_10205230196263104_1939606671171161125_oBurela, 20 de xaneiro de 2016.- Feito o balance da programación da emisora local de Burela durante 2015, os datos indican que o programa máis longo en directo feito na emisora durante o ano foi a edición especial do espazo de tertulia política “Amañando o país”, dirixido e presentado por Luis Rubal, emitido o 18 de decembro, durante a noite previa á xornada de reflexión das eleccións do 20-D. Dito programa emítese semanalmente os martes ás 9 da noite, mais na semana previa ás eleccións contou con tres edicións nas que se falou con candidatos representativos de cada ún dos principais partidos que concorrían ás mesmas. O programa especial de peche de campaña tivo unha duración de tres horas e quince minutos, e ademáis do equipo habitual de tertulianos composto por Daniel Vega (PP), Pascual Tarrón (Ciudadanos) e Juan Carlos Piñeiro (Compromiso por Galicia) tivo a colaboración especial da estudante e locutora Maka Ledo, que forma parte do plantel radiofónico de “Proxecto Neo”.

Nesta entrega especial de “Amañando o país” contactouse en directo durante toda a noite con ata 13 persoeiros da vida política ou veciñal da nosa contorna, que nos deron a súa visión do desenvolvemento da campaña: os deputados populares Jaime de Olano, quen tamén estivo presente nunha edición anterior do programa na mesma semana, e José Manuel Balseiro; José Carlos Rodríguez Andina, exalcalde popular de Ribadeo; os exalcaldes socialistas Roberto Álvarez (Cervo) e José Manuel García Rivera (Foz); Mayra García, alcaldesa de Trabada polo PSdeG-PSOE; o doutor e histórico da política mariñá Pablo Mosquera; Xoán Bascuas, Secretario Xeral de Compromiso por Galicia; Manuel Vicente, candidato ao Senado por Ciudadanos, tamén presente días antes en “Amañando o país”; Salva García, do Círculo Podemos de Burela; Jose Díaz, concelleiro de Cultura burelés; Dory González, suplente nas listas de Nós-Candidatura Galega por Lugo; e o avogado Pablo Álvarez, de ACSA (Asociación de Afectados polas Cláusulas Chan da Mariña).

Por outra banda, o programa máis escoitado no servizo online de Radio á Carta da Emisora do Corazón da Mariña durante 2015 foi a edición do 4 de xuño de “Parolando”, o espazo de debate dirixido e presentado por Pepe Peinó, no que se tratou da polémica xurdida en torno á figura das Raíñas das Festas en varias localidades mariñás, entre elas Burela. Dito espazo, que contou como convidada de excepción vía telefónica coa cantautora María Xosé Silvar “Sés”, acadou 129 reproducións no Ustream.

Exit mobile version