Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular aclara que a Xunta estuda denominar como bombeiros forestais a varias categorías dos traballadores do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios

Santiago, 15 de xaneiro de 2016.- O Grupo Parlamentario Popular avanzou este venres que a Consellería do Medio Rural está estudando a viabilidade xurídica, técnica e funcional dun cambio de denominación pola que se pase a designar como “bombeiros forestais” a parte do persoal do Servizo Público de Extinción e Prevención de Incendios Forestais, en concreto, ás categorías de peón, peón condutor, xefe de cuadrilla, vixiante móbil e condutor de motobomba.

O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou que a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo o pasado mes de decembro unha xuntanza cos representantes dos traballadores deste servizo e cos sindicatos CSIF, CIGA, COMISIÓNS e UXT na que, tras reiterar estes unha vez máis esta petición, comprometeuse a solicitar os informes pertinentes para, en función do sentido dos mesmos, dar unha resposta definitiva a este cambio de denominación.

Non é o momento oportuno
Balseiro aclarou tamén que existen distintas posturas sobre a relevancia deste cambio de denominación: desde os que din que non afectaría a efectos retributivos e de escala, aos que significan que a nova denominación non incluiría, desde o punto de vista funcional, todas as tarefas que hoxe desempeñan estes profesionais, como labores de extinción pero tamén de prevención dos lumes forestais.

Deste xeito, Balseiro aclarou que o Goberno galego ten aberto un proceso de diálogo cos traballadores e de estudo da relevancia deste cambio, polo que afirmou que o PP “sempre estarán a favor de calquera iniciativa que supoña unha mellora na prestación dun servizo tan importante para o monte galego”.

“O que rexeitamos é que este sexa o momento oportuno para propoñer este cambio, cando a Consellería ten previsto avaliar o resultado dos informes xurídicos e técnicos que están en elaboración”, sinalou o portavoz popular para explicar o voto en contra dunha iniciativa presentada por Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento que propoñía a creación xa da categoría de bombeiros forestais.

Exit mobile version