Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular defende a vía de diálogo aberta pola Xunta co conxunto do cerco galego e convida á oposición a sumarse con propostas construtivas

Santiago, 20 de xaneiro de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu este mércores a “vía de participación e diálogo” aberta pola Consellería do Mar co sector do cerco galego e convidou á oposición “a sumar propostas construtivas para esta flota”.

José Manuel Balseiro apoiou, deste xeito, a iniciativa do Goberno galego cando promoveu distintas xuntanzas para que “os representantes do cerco galego no seu conxunto e sen exclusións” busquen un acordo consensuado sobre o reparto de cota.

BASE MÍNIMA
En particular, felicitouse polas posicións favorables que os distintos representantes da flota adiantaron á proposta deseñada pola Xunta, a petición do propio sector, e que consiste en establecer unha “base mínima” de posibilidades de pesca para os barcos que non dispoñen de cota.

Segundo o portavoz popular, este acordo “permite superar unha escollo importante” e garante a actividade dos profesionais do cerco galego, que disporán da asignación dun mínimo de toneladas de xurelo para cada barco en función do seu tamaño, a partires de 10.000 quilos para os máis pequenos (5 GTs).

INTERESES PARTIDISTAS
Balseiro pronunciouse deste xeito no transcurso do debate dunha iniciativa do PSOE que, na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, foi rexeitada desde o PP porque volvía a pedir a retirada da Orde Ministerial que establece o plan de xestión para o caladoiro Cantábrico-Noroeste.

Na súa intervención, mantivo que “non existe o consenso suficiente para actuar deste xeito” e indicou que “mudar o criterio de repartición actual da flota do cerco que combina as capturas históricas co reparto en función do número de tripulantes, para quedarse só con este último, prexudicaría á flota galega de cerco no seu conxunto”.

En todo caso, o portavoz popular reclamou “responsabilidade” á oposición, a quen acusou de persistir nunha estratexia que busca “empregar á flota do cerco só con intereses partidistas”. Para Balseiro, “si o PSOE, BNG e AGE non rectifican amosan que só lles interesa afondar na división dos profesionais do cerco galego para manter a polémica e obter réditos a curto prazo, algo que para nada ten que ver coa defensa dos intereses xerais da pesca galega”.

Exit mobile version