Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular demanda que se extreme a vixilancia ás illas Comoras e Taiwan ante o incumprimento da normativa sobre pesca ilegal

Santiago, 19 de xaneiro de 2016.- O Grupo Parlamentario Popular defenderá este mércores, na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, unha proposición non de lei pola que se demanda que as distintas autoridades autonómicas, nacionais e europeas extremen a vixilancia sobre as Illas Comoras e Taiwan ante os claros incumprimentos da normativa sobre pesca ilegal nos que as flotas destes países están a incorrer.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, lembra que a propia Comisión Europea advertiu, a finais do 2015, a estes dous países que estaban no punto de mira polas súas prácticas irregulares conforme ao establecido na normativa internacional e europea sobre pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

As autoridades comunitarias chegaron a impoñer a “tarxeta amarela” ás Illas Comoras e Taiwan o que significa que, si Taiwán e as Comoras seguen sen combater a pesca INDNR enfrontaranse a importantes sancións.

En relación con este particular, en concreto, os populares argumentan na súa iniciativa a necesidade de impoñer reproches de tipo comercial, sen descartar incluso, o máis efectivo: a prohibición das importacións de produtos da pesca procedentes deste países.

EVITAR A COMPETENCIA DESLEAL
O obxectivo final dos populares galegos é que produtos procedentes da pesca ilegal non constitúan unha competencia desleal fronte aos peixes e mariscos galegos que compiten nos mesmos mercados, desvirtuando os prezos, e xerando situacións que provocan a perda de actividade e empregos en Galicia.

“A pesca ilegal pon en perigo os esforzos que os profesionais da pesca de Galicia realiza para acadar o equilibrio social, económico e medioambiental” –dixo Balseiro- “A flota galega ten un compromiso especialmente intenso coa sostibilidade dos recursos, ten demostrado que cumpre cos plans de xestión e recuperación de especies e que aposta pola innovación e por artes de pesca máis selectivas. Para evitar que todos estes esforzos queden en nada hai que aplicar unha política de tolerancia cero fronte á pesca ilegal”.

TAIWAN E ILLAS COMORAS
Balseiro remata explicando que a decisión de expedir unha tarxeta amarela a Taiwán baséase nas graves deficiencias do marco xurídico da pesca e unha falta de eficacia no seguimento, control e vixilancia da flota de longa distancia. Ademais, Taiwán non cumpre sistematicamente as obrigacións previstas pola organización rexional de ordenación pesqueira (orop).

Pola outra banda Comoras delegou parcialmente a xestión do seu rexistro da flota a unha empresa privada. Esta flota opera en incumprimento da lexislación vixente e se detectaron deficiencias no marco xurídico do país, no sistema de sancións, na xestión dos recursos pesqueiros, e nas tarefas de control e vixilancia.

Exit mobile version