Santiago, 26 de xaneiro de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, formulará unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia dirixida á conselleira Rosa Quintana, en relación co recente acordo acadado polo Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea para distribuír as posibilidades de pesca.
O popular quere que o Goberno galego avalíe a incidencia que para a flota galega terá a evolución experimentada por estes TACs (totais admisibles de capturas) e cotas de pesca, que cada ano Bruxelas determina, previo acordo con todos os Estados membros, e que se aplicarán ao longo do 2016.
Balseiro lembra que desde o acceso ao Goberno -tanto autonómico como central- do Partido Popular as posibilidades de pesca teñen experimentado un crecemento, froito dunha negociación máis acertada e situación oposta á que acontecía co PSOE no goberno, que baixaban ano tras ano.
O voceiro popular mantén a súa reivindicación para que todas as administracións sigan traballando por incrementar estas posibilidades de pesca naqueles especies que así o permitan, desde o punto de vista da súa sustentabilidade biolóxica, e insiste en que as cotas actuais aínda están lonxe en relación coa capacidade real de pesca da flota galega, polo que existe aínda marxe de mellora.