Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego acorda a iniciativa do Grupo Popular que se extreme a vixilancia ás Comoras e Taiwan en materia de pesca ilegal

Santiago, 20 de xaneiro de 2016.- O Parlamento galego vén de aprobar a iniciativa defendida polo Grupo Popular na que se insta ás distintas administracións a que extremen a vixilancia ás illas Comoras e Taiwan para verificar que cumpren a normativa sobre pesca ilegal.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, explicou que mediante este acordo parlamentario queren evitar que as importacións de peixes e mariscos procedentes de países incumpridores prexudiquen á flota galega, distorsionando o mercado coa súa competencia desleal e producindo perda de actividade e emprego no noso país.

IMPOÑER SANCIÓNS
O acordo insta ás autoridades autonómicas, estatais e comunitarias a impoñer sancións comerciais, incluída a prohibición de importacións, se persisten as deficiencias e incumprimentos da normativa sobre pesca ilegal, polas que a Comisión Europea xa sacou a “tarxeta amarela” a estes dous países a finais do ano pasado.

O portavoz popular amosouse partidario de “impoñer o reproche comercial máis rigoroso, a prohibición das importacións, porque consideramos que é o máis efectivo e porque ofrece unha lección exemplarizante aos países incumpridores”.

En contraste con outros países, Balseiro pon en valor “os esforzos que os profesionais da pesca de Galicia realizan para garantir e respectar a sostibilidade dos recursos”, ao tempo que insiste en que, “para que teñan resultado, a Administración debe aplicar unha política de tolerancia cero fronte á pesca ilegal”.

Exit mobile version