Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo visitará as parroquias polas que discorre o Camiño Norte para informar das axudas de rehabilitación de vivendas da Xunta e do Ministerio de Fomento

Ribadeo, 20 de xaneiro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Ribadeo visitará todas as parroquias polas que discorre o Camiño Norte para informar aos residentes das axudas á rehabilitación de vivendas postas en marcha pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento. Con este motivo, o voceiro municipal do PP, Jesús López Penabad, iniciará a rolda de encontros cos veciños e veciñas o vindeiro luns 25 de xaneiro en Vilela ás 9 da noite.

Está previsto que entre o 25 e o 4 de febreiro percorra todas as parroquias polas que pasa o Camiño Norte a Santiago, as que se poden beneficiar desta orde de axudas. En concreto, o día 26 acudirá a Anzas ás 9 da noite, o 27 a Cubelas ás 9 da noite, o 28 a Cedofeita ás 10 da noite, o 29 a Piñeiro ás 10 da noite, o día 1 de febreiro a Arante ás 10 da noite, a Remourelle o día 2 ás 9 da noite, o 3 a Vilamariz ás 9 da noie e o día 4 a Ove ás 9 da noite. Todas elas serán nos locais sociais.

Esta colaboración que establece a Xunta cos propietarios das vivendas permite habilitar unha liña de axudas directas para os propietarios de ata 11.000 euros a fondo perdido por vivenda. Ademais, como novidade, non só beneficiarán a aquelas edificacións situadas na zona inmediata e contigua ao Camiño, senón ao conxunto da parroquia, polo que todos os veciños da mesma poden solicitar estes apoios ou realizar as consultas oportunas no Instituto Galego de Vivenda e Solo.

O voceiro municipal do PP pon en valor estas axudas porque “supoñen unha oportunidade de beneficio directo para os veciños das áreas polas que discorre o Camiño, polo que tentaremos que as solicite o maior número posible de veciños e veciñas”, conclúe.

Exit mobile version