Lugo, 23 de xaneiro de 2016.- A voceira do Grupo Provincial Popular, Elena Candia, denuncia a intención do bipartito que Goberna na Deputación de Lugo de meter “pola porta de atrás” 8 novos asesores. Os populares descubriron que no proxecto de Orzamentos que PSOE e BNG presentaron para a súa aprobación figuran 8 novos asesores, de diferentes niveis, que incrementan o gasto do persoal eventual en 217.286,31 euros.
O custo do persoal eventual, é dicir, o nomeado a dedo polo equipo de Goberno sen pasar ningún proceso de selección, debera ascender a 477.155,65 euros, sen embargo o bipartito presuposta 694.441,96 euros, un desfase de 217.286, 31 euros que destina á contratación dos novos asesores.
Os populares consideran este feito unha “irresponsabilidade” do presidente provincial, posto que o gasto de persoal eventual foi acordado polo Pleno de organización celebrado o pasado 4 de novembro. “Agora tratan de cambiar aquel acordo, de non respectalo, unha práctica que empeza a ser habitual no Goberno do Señor Campos para seguir colocando a persoas afíns ao PSOE, como xa teñen feito recentemente co Señor Lago Lage”, explica a voceira do PP.
A voceira do PP rexeita as explicacións ofrecidas polos socialistas nos medios de comunicación nas que di que “se ese é o problema se pode falar”. Elena Candia considera “un feito extremadamente grave” que intenten enganar á oposición e a todos os lucenses cambiando os acordos que se adoptan no Pleno para aumentar o número do persoal eventual que presta os seus servizos para a entidade “ e ver se non nos damos de conta da maniobra”.
“Sabemos que viñeron empregando esta institución como unha axencia de colocación de amigos e para pagar favores políticos, pero non será o PP o que consinta estas prácticas. Despois éncheselles a boca dicindo que adelgazan a administración e o que son é un lastre para a institución e para a provincia”, conclúe.