Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeG pide ao BNG que respecte ao grupo de traballo impulsado a iniciativa da Xunta coa flota da volanta

Santiago, 20 de xaneiro de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, pediu ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) que “respecte e deixe traballar” ao grupo constituído a impulso da Consellería do Mar e que, por primeira vez na historia grazas á iniciativa da Xunta, agrupa a todas as diferentes asociacións que representan á flota da volanta en Galicia.

Balseiro fixo esta solicitude durante o debate dunha iniciativa do BNG na Comisión de Pesca do Parlamento galego que, “formulada dun xeito xenérico e sen propoñer medidas concretas”, instaba á Xunta a actuar “en defensa dos intereses dos volanteiros galegos”, algo que o Goberno galego “xa vén facendo”.

O portavoz popular afirmou que o BNG “non ten dereito a suplantar a voz do sector” e pediu que “sexan os propios profesionais e non os políticos os que, no seo deste grupo de traballo, e sempre en concurso coa administración, teñan a iniciativa e acorden as medidas que estimen oportunas para facer máis rendible a actividade dos volanterios galegos, introducindo melloras na xestión e garantindo a viabilidade das súas embarcacións”.

UN 70% MÁIS DE COTA
José Manuel Balseiro amosou a súa sorpresa porque da iniciativa nacionalista “se desprendese que o único problema desta flota é a insuficiencia de cotas, cando o propio BNG, xunto ao resto dos partidos da oposición, nun proceder tan irresponsable como incoherente, negou o seu apoio no pasado período de sesións ás iniciativas do PP e da Xunta dirixidas a conseguir de Europa un aumento de cotas”.

En todo caso, Balseiro aclarou que, a diferenza do que acontecía cando o BNG e o PSOE estaban no Goberno, as posibilidades de pesca da flota da volanta “víronse incrementadas notablemente desde o ano 2009”, confirmando unha estratexia de traballo defendida desde que o PP está no goberno da Xunta. “A día de hoxe temos un 70 por cento máis de cota de pescada do sur da que tíñamos en 2009”, dixo.

“O máis importante é que o sector da volanta aproveite da mellor maneira os recursos, faga unha xestión máis eficaz das posibilidades de pesca das que dispón e busque mellores vías de comercialización que acheguen máis valor aos nosos produtos”, manifestou Balseiro.

Ademais, amosouse convencido de que “o Goberno galego colaborará en todos estes esforzos, xa que quere acadar as mellores condicións para os nosos distintos sectores pesqueiros no desenvolvemento da súa actividade diaria e no rendemento económico da mesma, e pediu o apoio da oposición nesta tarefa, se son capaces de superar a súa miopía partidista”.

Exit mobile version