Site icon Crónica3.com A Mariña

O TSXG tumba o estudo de detalle aprobado polo goberno municipal e paraliza a edificación prevista no solar anexo ao Museo do Mar de San Cibrao

Cervo, 15 de xaneiro de 2015. A sentenza do TSXG de 28 de decembro, notificada o 12 de xaneiro da a razón ao recurso contencioso administrativo presentado pola Deputación de Lugo contra o acordo do pleno de Cervo que aprobou cos votos do Partido Popular un estudo de detalle para a construción dun edificio de cinco andares no solar anexo ao Museo do Mar de San Cibrao. Para o BNG – Asembleas Abertas “esta resolución xudicial pon en evidencia a ilegalidade do acordo plenario de 5 de decembro de 2012 por incumprir as Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Cervo coa consecuencia de favorecer intereses privados en contra dos públicos e con efectos moi negativos sobre o Museo do Mar de San Cibrao de titularidade municipal”.

O GOBERNO MUNICIPAL FIXO CASO OMISO AO INFORME XURÍDICO DA DEPUTACIÓN QUE RECOMENDABA NON APROBAR O ESTUDO DE DETALLE TAL COMO SE PRESENTABA
O portavoz municipal Ramón Luís Bernardo Insua lembrou que “o BNG votou en contra da aprobación deste estudo de detalle sumándose como non fixo o Partido Popular ao informe xurídico encargado polo propio alcalde, Alfonso Villares, á Deputación que recomendaba a non aprobación da proposta da interesada dada a capacidade do concello para optar por unha ordenación en aberto e non en pechado como propoñía a solicitante, e por incumprirse as Normas Subsidiarias de Planeamento do concello no Art. 4.3.4 da ordenanza residencial mixta que motivou o contencioso administrativo presentado e a agora esta sentenza”.

ARGUMENTOS XURÍDICOS COINCIDENTES DA PARTE PRIVADA INTERESADA E O CONCELLO DE CERV
“Chama a atención que os argumentos xurídicos do concello de Cervo e a solicitante privada do estudo de detalle sexan coincidentes cando deberan ser contrapostos: o concello como titular do Museo do Mar debera actuar na defensa dun ben público afectado e non situarse do lado do interese privado que está no seu dereito de defenderse; tivo que ser a Deputación de Lugo e en concreto a Delegación de Cultura do BNG quen saíra a defender o ben público anulando o acordo plenario e non o concello como debería”, afirmou Bernardo Insua.

A consecuencia desta sentenza, susceptíbel de recurso en casación no prazo de 10 días, o concello de Cervo deberá anular o acordo plenario de 5 de decembro polo que se aprobou o instrumento urbanístico descrito e abonar a partes iguais as costas do xuízo xunto coa outra parte demandada, a propietaria dos terreos.

O BNG –ASEMBLEAS ABERTAS agarda que o concello non presente recurso, “sería o colmo que o propio concello recurra unha sentenza que beneficia a un ben da súa titularidade como é o Museo do Mar”.

Exit mobile version