Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vicepresidente da Deputación celebra que o TSXG ratifique a defensa do interés público feita dende a institución provincial

678d425c-2072-4db9-aa05-87ec44d59939Lugo, 15 de xaneiro de 2015.- Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación celebrada este venres, o vicepresidente nacionalista, Antonio Veiga, deu conta da resolución recaída no recurso contencioso-administrativo interposto pola Deputación de Lugo contra o acordo plenario do concello de Cervo no que en data de 5 de decembro de 2012 aprobou un estudo de detalle para a construcción dun edificio de cinco andares (baixo, 3 plantas e planta baixo cuberta) no solar contiguo ao Museo do Mar de San Cibrao.

O TSXG estima o recurso contencioso-administrativo interposto pola Deputación contra o acordo plenario do concello de Cervo do 5 de decembro de 2012 anulando dito acordo por ser contrario a dereito. Na sentenza recóllese que o mencionado estudo de detalle infrinxe o disposto na ordenanza residencial mixta das NN.SS de 1978 do concello (a aplicable á parcela referida).

No estudo de detalle aprobado polo concello de Cervo permitíase a construcción do citado edificio en ordenación pechada. Ao permitir a construcción do edificio en ordenación pechada, permitíase que este non gardara ningún retranqueo co muro que pecha perimetralmente o Museo do Mar. Vista a sentenza, no quinteiro comprendido entre a Rúa do Torno, o Paseo Marítimo e a Avda da Mariña, só é posible a construcción dun edificio en ordenación aberta o que conleva o correspondente retranqueo a respecto da parcela na que se ubica o Museo.

“A Deputación de Lugo presentou este contencioso na defensa do interés público, na defensa dun edificio público senlleiro coma o que alberga o Museo do Mar”, manifestou Antonio Veiga.

Desde a Vicepresidencia da Deputación consideran que “o concello de Cervo, como titular do Museo debera actuar na defensa dun ben público afectado por este estudo de detalle e non situarse do lado do interese privado, (que lexítimamente está no seu dereito a defenderse).

O Museo do Mar é propiedade do Concello de Cervo e desde o ano 2003 está cedido á Deputación por un período de trinta anos. A institución provincial encárgase da súa xestión, conservación e mantemento desde a Área de Cultura e incluindoo na súa Rede Museística. Tén unha media, que se incrementa anualmente, de 19.000 visitantes (20.616 no 2015) que poden disfrutar dunha extensa programación a través da cal se difunde a cultura mariñeira.

Nos últimos anos anos realizáronse xestións desde a Vicepresidencia da Deputación para a ampliación do Museo, contemplando a posibilidade da adquisición do solar contiguo, obxecto do estudo de detalle referido. E neste sentido Antonio Veiga manifestou que “o concello de Cervo, gobernado polo Partido Popular, non actuou lealmente, xa que coas súas decisións adoptadas en pleno púxose do lado do interés privado, influíndo negativamente nas posibilidades de que as xestións para a adquisición dos terreos fructificasen nun resultado beneficioso para o interese público”

Aínda que a sentenza é susceptible de recurso ordinario de casación que poden presentar nun prazo de dez días, a mesma deixa patente a nulidade do acordo plenario do concello de Cervo do 5 de decembro de 2012.

Exit mobile version