Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concellos da Mariña comezan o 2016 con importantes melloras nas dotacións de Protección Civil e Policía local

Lugo, 20 de xaneiro de 2016.- A Xunta de Galicia distribuíu nove vehículos, unha embarcación e diverso material de emerxencia entre nove concellos da comarca da Mariña nos últimos meses. Así o destaca a delegada territorial, Raquel Arias, quen afirmou que nas vindeiras semanas se completarán as entregas de dotacións previstas para a provincia de Lugo.

Arias explicou que esta actuación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza “quere dotar aos voluntarios de Protección Civil dos concellos mariñáns do material axeitado para que poidan desenvolver o seu traballo da maneira máis efectiva e eficaz posible”.

“Entre o material entregado aos concellos nos últimos meses”, dixo a delegada, “figuran sete vehículos todoterreo, dous remolques de emerxencia, dous furgóns e un esparexador de sal”.

Concretamente, o equipamento asignado foi un vehículo todoterreo e unha embarcación para o Concello de Foz; un todoterreo e un remolque de emerxencia para o Concello de Mondoñedo; un furgón e un esparexador de sal para A Pontenova; un todoterreo para Barreiros e outro para Ourol; e un furgón para o Concello de Cervo.

Tamén os concellos de Ribadeo e Viveiro recibiron un vehículo todoterreo cada un, e ao Concello de Burela adxudicóuselle outro todoterreo e un remolque de emerxencia.

As entregas aínda non remataron posto que “a día de hoxe se continúa dotando de equipamento aos voluntarios de varios municipios e moi pronto veremos completadas as dotacións previstas”, segundo confirmou a delegada.

Raquel Arias tamén aproveitou para enxalzar “o importante traballo das asociación de voluntarios de Protección Civil” aos que lles trasladou o firme compromiso da Xunta, “posto que representan una peza clave na atención das emerxencias”.

De igual maneira, quixo salientar “a necesidade de colaboración entre administracións en beneficio dos cidadáns, que a Xunta promove con accións de cooperación cos concellos como estas”.

Exit mobile version