En concreto, foron 40 concellos lucenses os que se beneficiaron das axudas, que suman en total 647.470 euros. Desta contía, 590.243 euros están destinados ao sostemento dos Centros de Información á Muller (CIM) e 57.227 euros a poñer en marcha medidas de conciliación.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacaron este venres en Lugo a boa resposta das entidades locais á proposta de presentar proxectos de xestión compartida, que se traducen nun incremento da subvención pero tamén nunha maior eficiencia na utilización dos recursos e maior eficacia nos resultados.
Así, no ano 2015 consolidouse a tendencia acadada no eido da cooperación e colaboración entre concellos para a xestión compartida das actuacións dos CIM. En concreto, dos 11 centros titularidade de concellos da provincia de Lugo, oito presentaron unha solicitude conxunta coa agrupación dun total de 33 concellos.
Este avance permite atender máis territorio e a máis potenciais usuarias no ámbito desta provincia. O feito de que dende 2013 se sumasen dous novos CIM ao sistema de xestión compartida supuxo ampliar o ámbito territorial de actuación en 10 concellos máis.
Así, segundo explicaron as representantes do Goberno galego, en Lugo a contía total concedida aos oito CIM que presentaron a solicitude conxunta ascendeu a 455.482 euros, e aos tres presentados individualmente se lles concedeu un importe total de 134.761 euros. Cabe subliñar que, en calquera caso, practicamente todos os centros incrementaron a axuda con respecto ao ano anterior.
A Xunta resolveu tamén unha liña de subvencións para a posta en marcha de programas de fomento da conciliación, das que se beneficiaron 8 concellos da provincia: O Valadouro, Outeiro de Rei, Alfoz, Palas de Rei, Guitiriz, Xove, Taboada e Xermade.
Con esta convocatoria, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende por en valor o papel relevante das entidades locais na difusión do valor da igualdade, a prevención da violencia de xénero e o fomento das condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por ser as administración máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas.
Importe das axudas concedidas e entidades beneficiadas da Mariña
– Concello de Burela (presentou a súa solicitude agrupada xunto con Alfoz, Cervo e O Valadouro): 119.149,42 €
– Concello de Ribadeo (presentou a súa solicitude agrupada xunto con Barreiros, A Pontenova e Trabada): 51.585,33 €
– Concello de Viveiro: 45.763,39 €
– Concello de Mondoñedo (presentou a súa solicitude agrupada xunto con Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto): 22.201,11 €
Subvencións para programas de fomento da conciliación
– Concello de O Valadouro: 12.000 €
– Concello de Alfoz: 11.760 €
– Concello de Xove: 3.771,96 €