Este barrio das Aceas está situado no mesmo paseo marítimo do Landro, sendo a única zona que ten catro lámpadas de alumeado público e que non funcionan. Pero o escaso alumeado non só afecta a estes residentes, senón tamén a moitos dos viandantes que transitan a diario por esta zona.
Non descartamos que exista algún problema para conseguir material de reposto deste tipo de lámpadas modernistas, ata poida que inflúa a falta dun electricista -petición que este grupo formulou como proposta nos orzamentos do 2016 para que se cubrise dita vacante no persoal-; pero, con todo iso, cremos que non é motivo para un abandono que dura xa meses.
O grupo municipal do PP de Viveiro levou en varias ocasións aos plenos, algunhas deficiencias do paseo marítimo do Landro como é o paseo de madeira e a unión das pranchas de pedra coas pontes con desniveis estes de mais de 10 cm o que ten provocado varios accidentes, solicitando ao goberno local a súa reparación como unha obrigación que teñen de realizar o seu mantemento, situación que segue igual ao día desta data.
Por todo iso, “desde o Partido Popular solicitamos á alcaldesa e ao delegado de Obras que proceda ás reparacións necesarias no menor tempo posible, para emendar estas deficiencias, dando solución a estes problemas que veciños e usuarios levan padecendo, inexplicablemente, durante meses”, segundo explica Celestino García.