O “intento” de traballar unidos os concellos mariñáns a prol da promoción turística é cuestión que ven de vello. O 23 de novembro de 1968, hai preto de medio século,no pleno do concello focego dábase conta do escrito de O Vicedo, no nome dos alcaldes do litoral, interesando a constitución dun órgano para o fomento do turismo que o formarían Ribadeo, Barreiros, Foz, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo. Os edís focegos aceptaron a proposta e a constitución da que se chamou “Mancomunidad Turística de la Costa Lucense”e designaron representante na mesma ó alcalde Pepe Beltrán, que logo sería elexido presidente. Por aquelas datas este cronista cumpría funcións de corresponsal de prensa, o que facía que asistira ás reunións da mesma. Son moitos anos e pérdese a memoria dos feitos, pero aínda así lembramos cómo era imposible lograr que ás xuntanzas asistisen a totalidade dos membros; que maiormente carecían de ideas ou cómo afloraban a cada intre as actitudes localistas e irracionais, en contraposición co talante aberto,obxetivo e solidario que son premisas sine qua non para que as accións fructifiquen; e nesas estamos…¡nada novo hai baixo o sol!. Digamos que os concellos vivían unha auténtica penuria económica con presupostos irrisorios, carentes de medios,o que moitas veces impedía materializar o proxecto mais modesto; e que tampouco os gobernantes, alcaldes e demais, percibían as xenerosas retribucións actuais xustificadas cos eufemismos de “dedicación exclusiva”, ou “parcial”, “asistencia a comisións”, “dietas” etc., cando a cotío se fala de “altruismo”, “amor ó pobo”, de “transparencia” e de tanta demagoxia incorporada á dialéctica dos políticos… Estaban entón de moda os “slogans” que, con marchamo publicitario, dalgún xeito definían as distintas zonas: “Costa del Sol”, “Costa Brava”, “Costa Dorada”… A nosa sería, en adiante, “La Costa de Las Mil Playas”. A acción divulgativa foi tan pobre que apenas chegou a coñecerse, igual que ocorre con “Máxica por Natureza”: o cronista soubo dela por adiantar pola estrada nalgunha ocasión o autocar de Morán que o lucía en senllos costados; non mais.
En tantos anos os políticos mariñáns, aparte dir a Fitur,”en longa riola”, como Curros Enriquez decía que os rapaces da escola seguían ó gaiteiro de Penalta, se pode decir que a laboura quedou reducida ós insistentes anuncios(foguetes) de iniciativas que endexamais se consumaron. A evidencia fixo que este cronista, o 13-5-15, publicara un comentario que titulou: “¿ Gobernantes ou fogueteiros?”.¿Ata cando haberá que facerse a mesma pregunta?…