“En concreto”, explicou a delegada da Xunta, “dos 46 programas activados pola consellería, 23 propician directamente a creación ou expansión de proxectos empresariais, mediante a súa modernización, internacionalización, contratación de novos traballadores, ou aforro enerxético, entre outras medidas que apoian estas axudas”.
Arias tamén manifestou que dende a Delegación Territorial e a consellería se están a convocar xuntanzas cos axentes interesados en distintos concellos da provincia .“Con estes encontros”, dixo, “queremos explicar directamente aos empresarios e emprendedores as posibilidades que lles abren estas liñas de axudas, os investimentos subvencionables, os prazos e outros aspectos relacionados coas mesmas, ademais de resolver as súas dúbidas e recoller suxerencias”.
A delegada tamén fixo referencia a algúns dos programas que teñen maior incidencia para o tecido económico da provincia e entre os que figuran axudas da Dirección Xeral de Comercio, do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), da Axencia Galega de Innovación (Gain), do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e diversas liñas de axudas ao emprego.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto neste momento para todas as axudas convocadas pola consellería.
As liñas que promove a Dirección Xeral de Comercio comprenden principalmente aquelas destinadas á mellora da imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector retallista e artesanal galego, dotadas con tres millóns de euros, e unha liña de axudas destinadas ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, que contan cun orzamento global de dous millóns de euros.
O Igape, pola súa parte, distribúe máis de 31 millóns de euros a través de varias convocatorias que perseguen basicamente o crecemento das empresas e a súa expansión internacional. Unha das máis destacadas é o programa Galicia Inviste, dotado con 12 millóns de euros, para proxectos de investimento en obra civil e maquinaria. Tamén apoia iniciativas cun alto potencial para a creación de emprego directo e indirecto, prevéndose que axude a manter entre 3.000 e 4.000 empregos e a crear entre 500 e 600 novos
Outro programa impulsado a través do Igape, e ao que se lle adican máis de 3,7 millóns de euros, é Galicia Emprende. Permitirá cubrir investimentos máis pequenos, de entre 25.000 e 500.000 euros, que realicen empresas novas ou recén establecidas. Subvencionará obra civil, bens de equipo, gastos de aprovisionamento ou de I+D, canon fixo de franquías no primeiro ano, ou alugueiro de inmobles, entre outros. Esperase que impulse a creación de 200 novos empregos.
O Igape tamén destinará 9,5 millóns de euros en axudas á exportación para empresas e organismos intermedios, como clústers, consellos reguladores e asociacións empresariais.
Pola que respecta á Axencia Galega de Innovación, ponse en marcha o programa Conecta Peme que, cun presuposto de 25 millóns de euros, apoiará proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado.
No ámbito do emprego, a consellería dispón de 25,3 millóns de euros para o fomento da contratación e a incorporación de novos autónomos. 20 millóns destinaranse á creación de emprego autónomo e os 5,3 millóns restantes dedícanse a medidas de fomento da contratación. En total, destínase ao emprendemento 40 millóns de euros.
Tamén o Inega presenta unha liña de axudas para a realización de auditorías enerxéticas e para a implantación de sistemas de xestión, combustibles alternativos e proxectos de aforro e eficiencia enerxética que está dotada con máis de 9,5 millóns de euros. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dedicará preto de 4 millóns en axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia.
En definitiva, tal e como destacou a delegada, con todas estas axudas a Xunta de Galicia
“quere garantir que ningún proxecto empresarial viable quede sen realizar por falta de financiamento e que ningunha empresa galega free o seu desenvolvemento por falta de apoios”.