Site icon Crónica3.com A Mariña

Rematou o 21º Torneo de Tute organizado polo Concello de Cervo, no que houbo 120 participantes

Foto Presentación Campionato de Tute Cervo 2015-16Cervo, 20 de xaneiro de 2016.- A vixésimo primeira edición do torneo de tute organizado polo Concello de Cervo, que acaba de rematar, contou con 120 participantes. A cea coa entrega de premios terá lugar este venres, día 22, no restaurante O Castelo, de San Cibrao.

O concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, explicou que “o Concello de Cervo, un ano máis e xa van 21 de forma consecutiva, organizou o campionato de tute, actividade que se desenvolve nos locais dos 10 hostaleiros que representaban aos equipos, cun total de 120 participantes. As partidas realizáronse polo sistema de liga, ou sexa todos contra todos a dobre volta. O torneo foi organizado coa colaboración inestimable e totalmente desinteresada de Félix Fernández Gómez, que leva á fronte deste campionato dende o seu inicio”.

José Ramón Soto engadiu que “despois de máis de dous meses de competición chegouse ao desenlace final e a clasificación quedou da seguinte forma:

1º posto: Pizzería O Trasgo – 119 puntos
2º posto: Mesón da Ría – 118 puntos
3º posto: Cervecería Telvis Place – 117 puntos
4º posto: Bar Camarote – 115 puntos
5º posto: Bar As Titas – 113 puntos
6º posto: Restaurante Río de Oro – 109 puntos
7º posto: Restaurante O Castelo – 107 puntos
8º posto: Cervecería A Cerve – 102 puntos
9º posto: Bar Nordesía – 96 puntos
10º posto: Restaurante O Almacén – 84 puntos

O colofón final será este venres, 22 de xaneiro ás 22:30 horas no restaurante O Castelo, de San Ciprián, coa celebración dunha cea para todos os participantes e entrega de trofeos de Cerámica Sargadelos, que aporta o Concello de Cervo ao igual que nas 20 edicións anteriores”.

O edil de Deportes rematou destacando que “estes 21 anos de campionato de forma consecutiva fan que no concello de Cervo se dispute uno dos torneos de tute máis antigos da provincia de Lugo. O secreto do éxito e desta continuidade conséguese polo bo ambiente que hai entre os participantes e os atractivos trofeos da Cerámica de Sargadelos, aportados polo Concello de Cervo”.

Exit mobile version