Site icon Crónica3.com A Mariña

Román Rodríguez visita o IES María Sarmiento de Viveiro, que se ampliará este ano para dar resposta ás necesidades da FP básica

Santiago, 22 de xaneiro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitaba este venres o IES María Sarmiento de Viveiro, onde este ano se acometerá unha ampliación de instalacións co obxectivo de dar resposta ás necesidades derivadas da implantación de dous ciclos de Formación Profesional Básica. A actuación, cofinanciada con fondos FEDER, contará cun orzamento de 411.000 euros.

Tal e como explicou o conselleiro, os edificios que actualmente compoñen o instituto non son suficientes, posto que estas ensinanzas supoñen a creación de catro grupos máis. Ademais, cómpre ter en conta a evolución da matrícula neste centro nos últimos anos, cuxo incremento é notorio. Deste xeito, no curso 2009/2010 había 681 alumnas e alumnos matriculados, mentres que este ano o número ascende a 745.

“Trátase, por tanto –en palabras de Román Rodríguez– dunha obra necesaria, coa que a Consellería dá resposta ás demandas da comunidade escolar”. Ao mesmo tempo, esta actuación exemplifica o compromiso do departamento educativo galego coa Formación Profesional, en especial coa FP Básica, unha modalidade impulsada ao abeiro da LOMCE que favorece a permanencia no sistema dos mozos e mozas en risco de abandono escolar temperán. Así mesmo, tamén se fomenta o espírito emprendedor deste alumnado, así como a súa inserción no mercado laboral.

Cómpre ter en conta que, só o ano pasado, a Consellería mobilizou máis de 75.700 euros en novo equipamento para os diferentes ciclos formativos que se imparten neste centro.

Un novo edificio de 400 metros cadrados
As obras de ampliación consistirán na construción dun novo volume, anexo ao centro, que albergará catro aulas de entre 44 e 52 metros cadrados, que quedarán distribuídas en cadansúa planta, onde tamén se localizarán os aseos. En total, a superficie construída ascenderá a 400 metros cadrados.

Cun prazo de execución de catro meses, a Consellería traballa coa previsión de rematar a obra en setembro. En todo caso, o día a día nas clases poderase desenvolver con total normalidade, pois os traballos non interferirán no transcurso da xornada escolar.

Exit mobile version