Site icon Crónica3.com A Mariña

Sanidade envía unha nota informativa aos pediatras e médicos de familia sobre a vacina da Meninxite B

Santiago, 5 de xaneiro de 2016.- A Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, vén de enviar, aos pediatras e médicos de familia da nosa Comunidade, unha nota informativa sobre a vacinación fronte ao meningococo B.

No escrito, se sinala que a Comisión galega de enfermidades inmunoprevibles do departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña, na que están representadas as sociedades científicas e asociacións que agrupan a pediatras, médicos de familia, persoal de enfermería e preventivistas, e diante dos problemas de subministro desta vacina, que se estima poidan durar aínda uns meses, quere facer unha serie de consideracións para transmitilas aos profesionais sanitarios e ás familias galegas, coa finalidade de informar con obxectividade.

En primeiro lugar, a antedita Comisión galega quere reafirmar a gran valía das vacinas como medida para a prevención de enfermidades, pero que, tamén, cada vacina debe utilizarse en relación cos beneficios que achega. Neste senso, a Comisión cre necesario facer unha chamada á calma, xa que a situación de alarma social e ansiedade xerada naquelas familias que teñen dificultades en acceder á vacina, non se corresponde co risco real que supón esta patoloxía neste momento, pois, afortunadamente, a frecuencia actual da enfermidade por meningococo B é a máis baixa dos últimos anos, nos que houbo unha baixada de casos en todos os tramos de idade, continuando a ser os menores de 2 anos os que teñen incidencias superiores ao resto.

A aparición desta vacina fronte ao meningococo B supón, -sinala o escrito-, unha boa e esperanzadora nova, aínda que descoñecemos polo de agora o seu grao de protección, a duración desta, ou se serán necesarias doses de recordo para manter esta protección.

A Comisión galega de enfermidades inmunoprevibles de Sanidade lembra, tamén, no escrito, un principio básico en vacinas, como é que “dose posta dose que conta”, o que significa que se se alargan os tempos recomendados entre doses non hai que volver a recomenzar a pauta, son válidas á hora de considerar se a pauta está completa ou non.

Na nota informativa de Sanidade tamén se sinala que teñen garantida a administración gratuíta da vacina todos os nenos e nenas e os adultos con alto risco de padecer a enfermidade, como é o caso das persoas con certas alteracións na súa resposta inmunitaria, antecedentes de enfermidade meningocócica invasora ou que traballan manipulando estes xermes.

Por isto, -refire a nota informativa-, neste momento, se os nenos e nenas non teñen factores de risco, a utilización desta vacina debe ser unha decisión persoal, informada e libre de nais e pais, sendo conscientes de que o risco é moi baixo e o balance risco/beneficio da vacina, aínda que positivo, é limitado.

Para rematar a nota informativa, a Comisión galega sinala que continuará analizando os datos epidemiolóxicos, a efectividade e a seguridade desta vacina, así como os novos datos que se publiquen.

Exit mobile version