Site icon Crónica3.com A Mariña

Senra: “Unha institución dominada polos ‘lobbies’ non respecta nada; tampouco a saúde das nenas e nenos”

Estrasburgo, 20 de xaneiro de 2016.- A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, sinalou este mércores a súa satisfacción pola aprobación dunha resolución do Parlamento Europeo que se opón a un acto delegado co que a Comisión Europea (CE) pretendía mermar os requisitos específicos de composición e información dos alimentos elaborados a base de cereais e os alimentos infantís.

É sabido que o lobby da agroindustria é un dos máis poderosos do mundo, sendo a Comisión Europea unha das institucións máis marcadas pola súa influencia. Por iso mesmo, sinala a eurodeputada de AGEe, “non pode deixar de indignarnos situacións como a que vimos esta mañá, con un Comisario Europeo defendendo que a alimentación infantil poda conter residuos de pesticidas ou que un 30% da enerxía que aporten sexa proporcionada por azucres, cando a OMS sinala que non se debe engadir azucre nin sal aos complementos alimenticios infantís e, en todo caso, os azucres “libres” deben ser inferiores ao 5%”.

Iso si, a elección do Comisario Miguel Arias Cañete para adoptar esta posición é bastante coherente se temos en conta que é o político europeo que máis se reúne con lobbies, e que até a organización Observatorio Europeo das Corporacións lle adicou un informe resaltando os seus intereses na industria agrogandeira e enerxética.

Esta modificación lexislativa tentouse realizar ademais a través dun acto delegado, procedemento que permite que a Comisión Europea poda adoptar actos non lexislativos de alcance xeral por si mesma. “O feito de que esta modificación se pretendera introducir a través dun acto delegado, evitando así o debate no Parlamento, resulta intolerábel”, condenou Senra. “Se temos claro que ca comida non se xoga, ca alimentación das nenas e nenos inda menos”.

Permisividade cos niveis de azucre, ca presenza do glifosato (polémico pesticida canceríxeno que conta cunha especial simpatía por parte da CE), a non publicación das actas de xuntanzas mantidas con empresas e ONG’s, contradición das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) en canto á promoción de lactancia materna e presenza de sales e azucres na comida infantil, ocultación de datos das xuntanzas bilaterais mantidas pola Comisión Europea… Foron algunhas das críticas realizadas este mércores polo Parlamento Europeo a través da resolución presentada.

“A estratexia que pretendeu realizar hoxe a Comisión Europea para aprobar esta modificación da calidade da alimentación das crianzas demostra que unha institución dominada polos lobbies, polos intereses das grandes empresas, non respecta nada; nin tan sequera a saúde das nenas e nenos”, criticou a eurodeputada galega. “É importante que o Parlamento teña parado esta tentativa hoxe. Temos que loitar con contundencia contra a grave situación de que as malas prácticas das industrias teñan como coartada a propia legalidade, tal e como se pretendeu hoxe e como, desgraciadamente, acontece demasiado a miúdo”.

Exit mobile version