Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro esixe públicamente que se resolvan aquelas propostas que fixeron e que foron aprobadas por unanimidade do Pleno

Viveiro, 28 de xaneiro de 2016.- No regulamento de funcionamento do Grupo Municipal SON VIVEIRO, sinálase que:

“SON VIVEIRO foi creado coa seguinte finalidade:

1. Participar na vida política e social do Concello de Viveiro e nas institucións que o representen..

2. Achegar as inquedanzas das asociacións veciñais, culturais, deportivas, sindicais, empresariais, etc., ás institucións representativas do Concello de Viveiro, para resolver os problemas da cidadanía.

3. Ser a ´VOZ´ da cidadanía de Viveiro nas distintas institucións que representen ao noso pobo.”

Seguindo estas premisas, recollemos da rúa as achegas que a veciñanza nos proporciona e trasladámolas á Corporación Municipal nos Plenos a través de propostas legalmente rexistradas, co obxectivo de que sexan analizadas e tidas en conta para o ben común deste Concello e a súa cidadanía.

Moitas das nosas propostas foron estimadas e unha porcentaxe moi elevada permanece no caixón do esquecemento do Goberno local. Esta práctica de desbotar as suxestións presentadas pola oposición, incluíndo as que obtiveron a aprobación por unanimidade do Pleno, é unha mofa que impide a análise e o control da xestión municipal e fai patente unha arrogancia e grandilocuencia propia de épocas xa pasadas.

O problema vén agravado pola imposibilidade de efectuar unha valoración a través da web municipal das accións levadas a cabo pola Alcaldía máis alá das correspondentes actas dos Plenos publicadas con varios meses de demora, sendo inexistente a información sobre o grao de cumprimento das citadas propostas e das xestións que se están a levar a cabo en cada caso.

Bótase en falla un maior pulo nas políticas municipais que evidencien unha mínima preocupación polas veciñas e veciños. Referímonos a cuestións importantes que esixen planificación e traballo, non improvisación, que é ao que amosan os e as nosos/as rexedores/as, semellando que o esencial é a impresión de cara ao exterior e deixando nun segundo plano ditas cuestións.

Precísase deseñar espazos e accións con sabedoría, resolvendo as necesidades de todo tipo, sobre todo as de carácter produtivo da poboación, tendo presentes as aspiracións, os desexos e os soños das xentes que habitan a nosa cidade, pois constitúen a principal prioridade e preocupación de SON VIVEIRO.

Exit mobile version