Lugo, 27 de xaneiro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva dos contratos-programa para o curso 2015/16, unha vez os centros analizaron nos primeiros meses de curso as necesidades do seu alumnado. Un total de 46 centros públicos da provincia de Lugo – 21 de primaria e 25 de secundaria beneficiaranse desta iniciativa – que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar, máis dun 4% máis ca no curso anterior.
Os contratos-programa procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro docente analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.
Polo tanto, a iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.
Os centros participantes na provincia son os seguintes:
CEIP Santa María
CEIP Plurilingüe da Pontenova
CPI Luís Díaz Moreno
CEIP San Miguel de Reinante Barreiros
CEIP Virxe do Carme
IES Monte Castelo
IES Perdouro
IES da Terra Chá, José Trapero Pardo
CPI de Castroverde
IES Lama das Quendas
IES Val do Asma
CEIP O Cantel
IES de Foz
CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga
IES Poeta Díaz Castro
CPI Tino Grandío
CEIP Juan Rey
CEIP Benigno Quiroga Ballesteros
CEIP das Mercedes
CEIP de Casas
CEIP Virxe da Soidade
EPAPU Albeiros
IES Ánxel Fole
IES Muralla Romana
IES Sanxillao
IES Pedregal de Irimia
IES Plurilingüe San Rosendo
CEIP A Gándara
CEIP de Monforte de Lemos
IES A Pinguela
IES Francisco Daviña Rey
IES Río Cabe
CEIP Plurilingüe de Monterroso
IES de Monterroso
CEIP de Quiroga
IES de Quiroga
IES Río Miño
CEIP Gregorio Sanz
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
CEIP de Samos
IES Gregorio Fernández
IES Xograr Afonso Gómez de Sarria
CEIP Celso Currás
CEIP Antonio Insua Bermúdez
CEIP Antonio Pedrosa Latas
CEP Luís Tobío
Liñas de actuación
A liña de actuación máis solicitada continúa a ser a número 1 (antigo programa PROA), para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural. Un total de 33 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 13 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin.
A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, é a segunda en número de participantes. Así, a liña 2a, competencia matemática, será de desenvolvida por 12 centros; mentres que a 2b, competencia en comunicación lingüística, contará con 10 centros participantes; pola súa parte, a 2c, deseñada para reforzar as competencias en ciencia e tecnoloxía, será desenvolvida por 7 centros.
No caso da liña 3, que se centra na mellora da convivencia e incorpora este ano por primeira vez a promoción da igualdade, contará coa participación de 13 centros; na liña 4, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, participarán 2 centros.
Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 13 e 2 centros educativos públicos, respectivamente.
Incremento de orzamento
No conxunto de Galicia serán 378 os centros que desenvolvan contratos-programa, do que se beneficiarán máis de 82.000 alumnos, 7 veces máis ca hai 5 cursos. Isto supón que 1 de cada 3 centros públicos está integrado neste iniciativa.
Cómpre salientar, ademais, que a Consellería reforzou este ano a partida orzamentaria destinada aos contratos-programa, que acadan os 3,1 millóns de euros, un 18% máis ca no curso anterior. Isto permite a contratación en toda a Comunidade Autónoma de 154 docentes externos de apoio adicionais – para o desenvolvemento da actuación 1, a coñecida como ‘PROA’-, un 61% máis que o ano pasado, dotando deste persoal a todos os centros que o solicitaron.
Docentes implicados e novidades da convocatoria
No referido ás novidades da convocatoria cómpre sinalar que, ademais da redefinición das liñas de actuación para adaptalas ás necesidades dos centros e froito da experiencia dos últimos anos; ampliouse a tipoloxía de centros destinatarios do programa. Así, neste curso fíxose posible a incorporación dos Colexios Rurais Agrupados (CRA), as Escolas de Educación Infantil (EEI), os Centros de Educación Especial (CEE), os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e os Centros públicos de educación e promoción de adultos; posibilitando que formen parte da iniciativa os alumnos de que neles estudan, especialmente os de FP Básica.