Site icon Crónica3.com A Mariña

A CE admite, interpelada por AGEe, que a liberalización abocou ao sector lácteo a unha situación “moi difícil”

Bruxelas, 22 de febreiro 2016.- O pasado 28 de xaneiro a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, púxose en contacto directo co Comisario de Agricultura Phil Hogan a través dun correo electrónico no que lle trasladaba a súa preocupación diante do anuncio realizado neses mesmos días pola industria Leche Celta en relación ao cese de recollida en 50 explotacións da provincia de Lugo a partir de febreiro.

Na resposta remitida, Hogan recoñécelle a Senra que na actualidade o sector leiteiro europeo está a padecer “condicións difíciles” -“especialmente difíciles” para os produtores/as do Estado español- debido ao “incremento substancial da produción láctea en todo o mundo, unida a unha demanda global debilitada”.

É dicir, o Comisario asume as predicións das consecuencias negativas para o sector froito da liberalización total do mercado logo da finalización do sistema de cotas, avanzadas e reiteradas tanto pola eurodeputada Lídia Senra como por numerosas representantes do sector convidadas por AGEe a Bruxelas durante todo o ano 2015, entre as que destacaron a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, durante a súa participación na audiencia pública “O paquete lácteo e as perspectivas para o sector leiteiro” convocada pola Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, así como o seminario europeo organizado pola deputada de AGEe o pasado mes de setembro baixo o título “O impacto da liberalización do sector lácteo en Europa: que futuro?”, ao que acudiron representantes do sector leiteiro a nivel europeo e global.

Porén, no actual escenario de ausencia de controis públicos á produción, a Comisión Europea desbota nesta resposta asumir a súa fundamental responsabilidade na xeración deste contexto salvaxe, e limítase a enunciar que “o obxectivo non é producir tanto como se poida, senón tanto para o que haxa mercado”, obviando tamén por completo unha cuestión totalmente básica, como é o feito de que os baixos prezos do leite impostos polas industrias obrigan ás explotacións leiteiras a tentar vender o maior número de litros posíbeis a fin de poder facer fronte aos custos de produción e aspirar a remunerar o seu propio traballo.

Aliás, resulta indignante que, ao máis puro estilo da teoría económica capitalista clásica que lle ten fe a unha “man invísibel” que manexa os mercados, a Comisión Europea propón nesta resposta a AGEe que os produtores/as e outros operadores “segan as sinais do mercado”. Un mercado, lembremos, carente de control público e, a día de hoxe, estruturado en torno as dinámicas especulativas, máis pendentes da cotización do leite que das coherencia e calidade das estratexias produtivas.

Finalmente, Hogan propón á eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, que “chame a atención das autoridades españolas, dado que o Ministerio de Agricultura é o gardián dos acordos lácteos que inclúen, entre outros, un compromiso sobre a recollida de leite”.

Lídia Senra reivindicou hoxe dende Bruxelas que as gandeiras e gandeiros, para poder vivir da súa actividade profesional, “non só precisan garantía de recollida, se non tamén a fixación dun prezo por litro que cubra custos de produción e remunere o seu traballo”. A eurodeputada galega criticou asemade a actitude da Ministra de agricultura, Isabel García Tejerina, quen “no só eludiu sentarse a negociar cas gandeiras e gandeiros, senón que deu mostra dunha total irresponsabilidade ao non estar tendo a mínima capacidade de reacción ante situacións como o cese de recollida de Leche Celta”. Senra foi tamén moi dura contra o goberno da Xunta, tildándoo de “incapaz” e acusándoo dunha “total deixadez” que está a implicar “o completo abandono dun dos sectores produtivos máis importantes do noso país”.

A eurodeputada de AGEe reiterou novamente que a única posibilidade de acadar un escenario comercial que non abafe ás explotacións galegas é “a través do establecemento dunha política pública con instrumentos de regulación da produción e os mercados”

Exit mobile version